Anuncios
Ticker de novas

Cultura destina máis de 9.000 € a apoiar a actividade de dúas escolas de música de Gondomar

FOTO: AM VINCIOS // Audicións da Escola de Música.

Un total de 70 escolas de música de toda Galicia beneficiaranse da nova orde de axudas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dotada con 300.000 euros, e dirixida tanto a entidades dependentes dos concellos como de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro.

Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, un total de 55 escolas municipais de música doutros tantos concellos recibirán axudas por importe de 250.000 euros; mentres que outras 15 formacións dependentes doutras entidades reciben apoio por un importe de 50.000 euros.

A Escola Municipal de Música de Gondomar recibirá unha achega de 5.312,42 euros, mentres que a Escola da Agrupación Musical de Vincios recibirá 3.730,48 euros.

Tal e como figuraba na convocatoria, na valoración de solicitudes tivéronse en conta aspectos como o número de alumnado matriculado, de especialidades instrumentais impartidas, do profesorado e tempo de dedicación, así como as dimensións das instalacións, o volume do orzamento do centro e o importe total que o centro percibe do alumnado pola impartición das ensinanzas.

A Consellería habilitou esta nova liña de axudas co fin de potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música, sobre todo tendo en conta a súa crecente demanda. Ademais, tamén se busca apoiar aquelas iniciativas que implican fomentar, difundir e estender entre a sociedade xeral, e en especial entre o público xuvenil, a ensinanza musical desde unha formación non regrada.

Anuncios