Anuncios
Ticker de novas

A exposición sobre o patrimonio arqueolóxico da provincia xa pode visitarse en Gondomar

Trinta e sete paneis fotográficos complementados con debuxos e paneis explicativos amosan a riqueza patrimonial arqueolóxica da provincia de Pontevedra nunha exposición que pode visitarse ata o 12 de novembro no Auditorio Lois Tobío de Gondomar. Baixo o título “Escenarios da Prehistoria para visitar”, a mostra foi inaugurada esta mañá polo rexedor da localidade, Juan Francisco Ferreira, pola concelleira de Cultura, Nuria Lameiro, e polo deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal. “Esta exposición está directamente relacionada con unha das disciplinas que queremos poñer en valor neste Ano do Patrimonio, como é a preservación do patrimonio arqueolóxico, e que ademais ten unha conexión moi profunda co Concello de Gondomar, onde temos unha importante representación de elementos arqueolóxicos” sinalou Xosé Leal durante a apertura da mostra.

Pola súa banda, Juan Francisco Ferreira asegurou que “é un luxo contar con esta mostra neste concello xa que, precisamente, estamos traballando para compilar e sinalizar todo o noso patrimonio e difundo tanto a través de libros e guías, como de redes sociais e aplicacións como os códigos QR”. O alcalde tamén lembrou que Gondomar conta con tradición na investigación e estudo sobre arqueoloxía e, nese sentido, mencionou o grupo conformado polo Instituto de Estudos Miñoraños.

Hai que lembrar que esta exposición xa comezara a súa itinerancia o pasado ano no marco do Ano Castelao entroncado coa preocupación do artista polo patrimonio arqueolóxico e artístico do país. Unha preocupación que tivera o seu reflexo directo no seu álbum As cruces de pedra na Galiza, así como nos seus estudos sobre escudos, e na súa participación na ‘Sociedad Arqueológica de Pontevedra’, dedicada ao estudo e conservación dos elementos do noso patrimonio, así como a música e a poesía popular. No 2017, con motivo do Ano do Patrimonio a mostra segue a percorrer os concellos da provincia con tradición arqueolóxica para poñer en valor a súa riqueza neste eido.

As fotografías da mostra amosan as mámoas, menhires, castros e petróglifos máis senlleiros da provincia, e están complementadas con ilustracións de gran formato que amosan como se construíron eses lugares ou como se tallaron diferentes ferramentas esenciais para a supervivencia daqueles antigos poboadores do noso territorio. Así mesmo, diferentes textos presentes tamén na sala darán resposta ás preguntas mais frecuentes sobre os lugares fotografados. Cada fotografía vai acompañada dunha cartela que indica o nome do elemento arqueolóxico, a súa localización, superficie, a descrición técnica, a súa función e importancia histórica, a data de construción e o estado actual de conservación.

A mostra poderá visitarse no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, en horario de 17 a 20 horas de luns a venres, e os domingos.

Elementos arqueolóxicos de Gondomar incluídos na mostra (texto que figura nas cartelas explicativas das fotografías da mostra)

Pedra das procesións. Localízase na parroquia de Santa María de Vincios, concello de Gondomar, aos pés do monte Galiñeiro. Na súa superficie inclinada aparecen plasmados vinte e seis obxectos de gran tamaño dispostos de xeito ordenado coma nun desfile, de aí o nome da pedra. Son once puñais, seis alabardas, oito “escudos” (para algúns investigadores poden ser carros de combate vistos desde arriba), e unha espada de dous metros e medio de longo. Na época en que foron gravados, veríanse desde moi lonxe. Este conxunto de armas, propia dos primeiros tempos da metalurxia atlántica, constitúe o equipamento do guerreiro durante a transición entre o III e o II milenio a. C. O seu estado de conservación é bastante bo. Ten a categoría de Ben de Interese Cultural (B.I.C.).

Xacemento de Chan do Cereixo. Localizado entre as parroquia de Donas e Pinzás, concellos de Gondomar e Tomiño. Descuberto no ano 1978 polo arquitecto vigués Xaime Garrido Rodríguez quen, en seis anos de prospección da zona, atopou un total de 260 pezas (bifaces, fendedores, raederas, etc.) todas feitas en cuarcita e dispersas pola superficie do terreo.Tipoloxicamente corresponden ó Achelense, tecnoloxía de fabricación de ferramentas pertencente ao Paleolítico inferior, hai entre 150.000 e 500.000 anos. No ano 2006 o Instituto de Estudos Miñoranos, baixo a dirección de Rosa Villar Quinteiro, desenvolveu un proxecto de intervención arqueolóxica patrocinado pola Fundación Barrié de la Maza. Estes traballos permitiron recuperar máis materiais paleolíticos e sobre todo clarificar a súa procedencia xeolóxica. A presenza non só de restos do Paleolítico Inferior, senón tamén do Neolítico, da Idade dos Metais e de época romana, fan que Chan do Cereixo sexa un xacemento de moi longa ocupación no tempo, o que o fai case único en Galicia.

Anuncios