“A Xunta envelénanos fumigando herbicida inutilmente sobre o que xa está queimado”

FOTO: COMANDO GHICHAS // Fumigación sobre o que xa está queimado.

No mes de setembro puidemos comprobar con abraio, como o camión da Xunta de Galicia fumigaba de novo, a eito, as beiras das autoestradas da súa competencia. Facíao sobre o que xa estaba queimado, xa que no comezos da primavera fixera a mesma operación.

“Este feito de botar sen sentido, de xeito tan irresponsable, grandes cantidades de herbicida, que como xa sabemos, ten graves repercusións no medio, na auga e na nosa saúde, fai pensar inevitablemente nos motivos”, sinalan desde o Colectivo de Acción e Concienciación Social do Val Miñor Comando Ghichas.

O ano pasado, Francia, os Países Baixos e Suecia votaban en contra do prolongación do permiso para o uso deste tóxico a base de glifosato. A finais deste ano esgótase a autorización temporal concedida pola Comisión Europea para o seu uso.

Conseguíronse máis dun millón de sinaturas na iniciativa cidadá europea pedindo o cese das fumigacións. Ante estes feitos os partidos da oposición pediron recentemente explicacións á Xunta e solicitaron ao goberno que deixara de empregar estes velenos acumulativos. O goberno respondeu que mentres estivera permitido en Europa serían os últimos en deixar de facelo. “Non é unha resposta coherente nin respectuosa, nin coa cidadanía nin co medio”.

En España véndense uns 15 millóns de litros ao ano. Enténdese que no caso de que Europa prohiba o seu uso a partir de decembro -o cal pode ser bastante probable dada a resposta social masiva e os informes da OMS- o produto, xa fabricado, e o mercado neste caso polas administracións, quedaría nos almacéns como residuo tóxico. “Está a Xunta a desfacerse do mesmo antes de que remate a moratoria? Non hai outra explicación xa que as cantidades e a reiteración nas fumigacións non teñen sentido”, pregúntanse desde Comando Ghichas.

“Outro aspecto importante a ter en conta é que moitas plantas están a desenvolver resistencia aos herbicidas o que fai que non dean resultado e que haxa que botar cada vez máis cantidade. O glifosato xa está mal visto, as multinacionais -Bayer e Monsanto- que fabrican estes produtos non queren perder un gran negocio espallado a nivel mundial, o que xa están facendo é cambiar de tóxico e de nome, de aí que teñamos que ter coidado co que pedimos, non é suficiente dicir basta ao glifosato senón que hai que estendelo a todos os herbicidas químicos. Neste momento o novo produto “Dicamba”, de gran potencia, xa está a causar estragos en EEUU e América Latina”.

Hai moitos concellos en Galicia nos que se aprobaron mocións contra o uso de herbicidas: Ourense, Marín, Poio, Gondomar, Santiago, Ames e moitos outros. Hai Deputacións que tamén deixaron de empregalos no seu ámbito. “Hai alternativas dabondo para evitar o seu uso. Agora falta que o faga a Xunta. Por unha comunidade autónoma libre de herbicidas!”, conclúe o Colectivo.