Adrián Valverde terminou como primeiro Elite na súa estrea da tempada de ciclocrós

A Copa Galicia de Ciclocrós púxose en marcha con Adrián Valverde subindo ao máis alto do podio. O especialista do Club Ciclista Rías Baixas enfundouse a camisola de líder Elite tras ser o mellor da súa categoría no XV Trofeo Ría de Marín. O baionés ocupou o terceiro posto na clasificación absoluta.

Na proba celebrada no circuíto de Chan de Gagán, o representante da entidade presidida por José Luis Chamorro rodou en segunda posición ata a penúltima volta. Con Samuel González (Salvaterra) mostrándose intratable na cabeza, Valverde situouse como o seu inmediato perseguidor ata que emerxeu chegando desde atrás Iván Feijoo.

O ciclista sub23 do Academia Postal de Maceda adiantou ao corredor do conxunto miñorano antes do inicio da última volta e a partir de aí Valverde centrouse en resistir como primeiro elite. Cruzou a liña de meta a 1:17 do gañador, a 43″ de Feijoo e con 39″ de vantaxe sobre o elite Óscar Vázquez (OVCBikes). O ciclista de Baiona tamén estivo escoltado no podio polo portugués Vitor Teixeira.

A próxima xornada puntuable para a Copa Galicia disputarase o 21 de outubro no Val de Esmelle.

Anuncios