A Deputación inicia as obras de mellora da seguridade viaria en sete estradas de Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

As 38 actuacións de mellora da seguridade viaria solicitadas polo Concello de Nigrán dentro do Plan Móvese da Deputación de Pontevedra arrancaron esta semana no municipio e supoñen un investimento total de 337.351,85 euros, o maior da comarca.

No municipio de Nigrán estanse a instalar lombos, pasos de peóns sobreelevados e pintado de todas as estradas provinciais, todo elo en rúas onde era preciso mellorar a seguridade peonil e por propia demanda dos veciños. «Dende o Concello solicitamos estas 38 actuacións atendendo a un plan estratéxico de seguridade viaria co fin de protexer aos peóns ao máximo», xustifica o edil de Seguridade, Rubén Rial. Deste xeito, na estrada de acceso ao Ceán (EP 2101-rúa Telleira) instalaranse catro pasos de peóns sobreelevados; na estrada Nigrán-Vincios (EP 2102) 8 redutores físicos de velocidade de vehículos e dous pasos de peóns sobreelevados; na estrada Priegue-Prado (EP 2103- rúa Torreiro) un redutor físico de velocidade e 4 pasos de peóns sobreelevados; na estrada Panxón-Patos (EP 2104-Tomás Mirambel) 5 pasos de peóns sobreelevados; na subida a Monteferro (EP 2105) 3 pasos de peóns sobreelevados; na estrada Ramallosa-Parada (EP 2106-Manuel G. Prado a Santiago de Parada) 5 redutores físicos de velocidade; e finalmente, na estrada Ramallosa-Parada a Vilariño (EP 2107-Padres Franciscanos) 4 pasos de peóns sobreelevados. En total, trátase de 24 pasos de peóns elevados en 7 estradas e 14 redutores físicos de velocidade en 3 estradas.

Estas obras estarán rematadas nas vindeiras semanas e, ao mesmo tempo, o Concello emprenderá tamén este mes con fondos propios actuacións destinadas á mellora da seguridade, tal e como vai facendo ano a ano. Así, atendendo as peticións dos veciños, instalará en diferentes estradas do núcleo urbano 6 novos pasos de peóns elevados e un lombo redutor de velocidade, todos eles en zonas onde os vehículos sobrepasaban reiteradamente os límites de velocidade. «A prioridade máxima deste goberno son os peóns, que deben poder desprazarse con naturalidade nunha contorna segura, por iso seguiremos traballando neste eido», resume Rial.

ARRANCAN AS OBRAS SOLICITADAS POLO CONCELLO DE NIGRÁN NO 'PLAN MÓVESE'
FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN
Anuncios