A RAG premia un video sobre Carlos Casares realizado polo colexio de Vilariño

Un momento do video realizado polo CEIP Carlos Casares.

O colexio de infantil e primaria Carlos Casares de Vilariño (Nigrán) é un dos cinco gañadores dos premios “Contádenos o voso Día das Letras”, o novo espazo de participación escolar creado pola Real Academia Galega dentro do proxecto web Primavera das Letras. A iniciativa foi concibida co obxectivo de coñecer e difundir como celebraron o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade.

Nesta primeira edición participaron preto de 80 colexios de toda Galicia con proxectos que son boa proba da implicación e do bo facer do profesorado, axente esencial, xunto ás familias, na transmisión ás novas xeracións da lingua e da cultura galegas. Todos eles recibirán un diploma por participaren nesta iniciativa, mentres que os cinco centros gañadores serán tamén agasallados cun lote de libros. A entrega celebrarase proximamente na sede da Real Academia Galega.

O CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu o seu fogar, participou no concurso, xunto a outros materiais, cunha peza audiovisual na que inclúe unha entrevista sobre el ao seu fillo Häkan Casares, antigo alumno do centro, unha representación teatral e lecturas dramatizadas.

Anuncios