Sin categoría

Portos de Galicia retira máis de 3.300 quilos de residuos do fondo mariño da dársena de Baiona

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de rematar a limpeza das dársenas dos portos de Vilanova de Arousa, Meloxo (O Grove), Bueu, Cesantes (Redondela) e Baiona. Esta actuación enmarcouse na cuarta fase do plan de limpezas que o ente público puxo en marcha no ano 2013 por primeira vez e que retoma de novo este ano con diversas accións nas provincias de Pontevedra e da Coruña.

Segundo explicou este xoves o presidente de Portos, José Juan Durán, nunha visita á dársena vilanovesa, en total nas cinco dársenas pontevedresas recolléronse máis de 18.000 quilos de residuos e lixo lanzado ao mar ou depositado de xeito involuntario pola propia actividade portuaria. Porto a porto, os resultados obtidos foron os seguintes: Cesantes 1.100 quilos; Baiona, 3.360; Bueu 3.820; Meloxo, 5.040; e Vilanova de Arousa 4.740.

Entre os residuos extraídos, destacan obxectos de medianas e grandes dimensións como aparellos, nasas, cabos… e a nivel anecdótico, recuperouse un motor foraborda e un monopatín. O equipo de traballo estivo formado por 5 buceadores e como medios mecánicos contouse cun barco con grúa. Ademais da empresa encargada da limpeza na lámina de auga, desde terra colaborou con ela a empresa concesionaria do servizo de limpeza de Portos de Galicia. Esta foi a encargada da recollida do lixo e de depositalo nos contedores de recollida selectiva xa preparados.

Dende o ano 2013, Portos de Galicia leva a cabo este tipo de actuacións con carácter regular para mellorar a seguridade nas augas interiores e impulsar a protección da fauna mariña, que pode ser afectada seriamente pola acumulación de residuos nos fondos mariños. Deste modo refórzase a sustentabilidade ambiental dos peiraos de titularidade autonómica, unha das liñas de traballo estratéxicas do ente público.