Sin categoría

Membros do GES reclaman un convenio colectivo no Pleno de Baiona

Membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor asistiron este xoves ao Pleno celebrado no Concello de Baiona para denunciar a precariedade laboral e reclamar un convenio colectivo que regule as condicións de traballo.

Dende a CIG denuncian que o GES do Val Miñor carece dende hai dez anos dun convenio colectivo que regule os dereitos laborais do cadro de persoal, tendo que aturar unhas condicións salariais e materiais de absoluta precariedade. Así, critican que as nóminas roldan os 850 euros ao mes e que os vehículos que usan para desprazarse e para apagar o lume, así como as ferramentas utilizadas para a excarcelación de persoas, se atopan en mal estado.

Diante disto, optaron por convocar unha serie de protestas para reclamarlle á Mancomunidade que poña fin a esta situación. As mobilizacións comezaron o pasado luns cunha concentración no mercado de Sabarís-Baiona, e está previsto que se prolonguen durante este mes.