“La Pinta” xa está na Guarda tras unha travesía de máis de 9 horas

A réplica da carabela “La Pinta” xa está na Guarda tras unha travesía de máis de 9 horas. A nave partiu de Baiona pasadas as 9:15 da mañá deste venres remolcada por embarcacións do Monte Real Club de Yates, que lla entregaron ao Buque Irmáns García Nodal da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia unha vez situada na boca da ría.

Ao redor das 18:00 horas, comezaba a manobra de varada nos estaleiros Joaquín Castro de Camposancos, onde permanecerá entre tres e catro semanas para unha reparación integral para a próxima Festa da Arribada, unha edición que o Concello pretende celebrar ao grande, dado que conmemorará o 525 aniversario da chegada da carabela capitaneada por Martín Alonso Pinzón á vila coa primicia do Descubrimento de América.

Raúl Costas, concelleiro de Actividades Marítimas, embarcouse en “La Pinta” por segunda vez e foi o encargado de custodiar a nave na súa travesía cara A Guarda. Tamén se encargou persoalmente de supervisar tanto as manobras de solte de amarras como de atracada.

Unha vez varada, a carabela será sometida a traballos por valor de 30.000 euros, que inclúen a limpeza e revisión tanto da obra viva como da morta, o pintado de casco e paus, así como unha revisión xeral de todo a súa cabotaxe e puntos de seguridade.

Será a terceira vez en trece anos que a emblemática embarcación partiu de Baiona para unha reparación a fondo en dique seco. A primeira mantívoa afastada da localidade durante un ano e medio entre 2004 e 2005 e a segunda, en 2012, apenas tres meses.

 

 

Anuncios