A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar na súa páxina web a resolución (aínda provisional) da convocatoria do novo programa de innovación educativa polo que se introduce a robótica en Primaria. En concreto, esta iniciativa beneficiará a máis de 10.000 alumnos dun total de 108 centros, que traballarán con kits de robótica durante este curso 2017/18. O obxectivo último é favorecer a iniciación do alumnado, xa desde idades temperáns, na experiencia de programación básica, robótica e construción.
Por provincias, 41 centros pertencen á Coruña, 10 a Lugo, 8 a Ourense e 49 a Pontevedra. Así mesmo, o número de docentes implicados nesta primeira introdución da Robótica a Primaria ascende a 300. Na comarca do Val Miñor, os centros admitidos provisionalmente son o CPI de Cova Terreña, o CEP de Sabarís e o CEIP de Belesar en Baiona, e o CEIP Humberto Juanes e o CEE de Panxón en Nigrán.
En concreto, o material estará conformado por seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de construción, que permitirán a realización dun mínimo de cinco proxectos diferentes; así como un manual de uso e guía didáctica.
Cada centro, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou mediante obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.
A iniciativa vai dirixida a alumnado que curse 4º, 5º ou 6º de Primaria durante este curso, que ademais de adquirir nocións básicas sobre robótica e programación, tamén traballará as áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).

