O Plan Móvese da Deputación, premiado no II Congreso Iberoamericano de Seguranza Viaria

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Uxío Benítez na rolda de prensa.

O Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE) da Deputación de Pontevedra vén de ser premiado polo comité técnico do II Congreso Iberoamericano de Seguranza Viaria ‘Inter Cisev’ que finalizou onte en Sevilla. O xurado recoñeceu o plan provincial de calmado de tráfico como o segundo mellor proxecto de entre as 30 comunicacións presentadas oficialmente por institucións e entidades en materia de seguranza viaria. Valorouse que se trata dunha «actuación directa» para evitar a violencia viaria.

Segundo explicou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a Deputación de Pontevedra participou no congreso, organizado pola Dirección Xeral de Tráfico e o Instituto Vial Iberoamericano, logo de que o plan fose seleccionado nun conxunto de 30 exposicións de entidades públicas, privadas, centros universitarios e de investigación sobre ideas innovadoras en materia de seguranza viaria de toda Iberoamérica.

«No Congreso faláronse moitas cousas e as autoridades en seguranza viaria de varios países de Latinoamérica (Bolivia, Colombia, Arxentina, Uruguay…) recoñeceron o feito de que a Deputación implementara unha acción directa para mellorar a seguranza viaria. Alí falouse de moitas cousas indirectas: de planificación, educación… que teñen efectos a medio e longo prazo. Pero dende logo, recoñeceron que lles parecía moi interesante esta idea do Plan Móvese porque era unha acción directa. E así foi que o comité técnico nos recoñeceu co segundo premio á mellor comunicación que alí se fixo», indicou o responsable provincial.

O Congreso INTER-Cisev prolongouse dende luns ata onte en Sevilla, sendo a exposición da Deputación o martes pola tarde. «Tanto eu como o asesor Xesús Fole volvemos o mesmo día da presentación por cuestións de traballo, mais chamáronnos da organización para anunciarnos que a Deputación e a presentación do Plan Móvese fora premiada como segunda mellor comunicación. A resolución do xurado foi onte ao mediodía e, por tanto, non puidemos recoller o premio que alí se entregou, mais enviaron unha imaxe do agasallo do Instituto Vial Iberoamericano, e comunicaron que o enviarán xunto ao diploma certificado á Deputación. Para nós é un recoñecemento ao noso traballo», finalizou Benítez.

Exposición en Sevilla

Na exposición do deputado Uxío Benítez en Sevilla, o nacionalista manifestou que é obriga dos administradores poñer todos os medios posibles para evitar a violencia viaria, xa que a sinistralidade nas estradas é a causa evitable e non natural que máis vítimas mortais orixina no mundo. Segundo dixo, o Plan Móvese da Deputación é a aposta da Deputación para reducir as vítimas na provincia de Pontevedra mediante elementos físicos de calmado de tráfico.

Benítez asegurou que os gobernos que ata agora acadaron reducir o número de mortes nas estradas conseguírono «dando prioridade á seguridade na xestión da velocidade», xa que o índice de supervivencia en impactos a 30 quilómetros por hora (velocidade máxima marcada nas actuacións do Plan Móvese) é radicalmente superior a se a velocidade é 60 quilómetros hora. Así mesmo, subliñou que a «única maneira efectiva de baixar a velocidade» é con elementos físicos: redutores de velocidade de vehículos e pasos de peóns sobreelevados, que se teñen demostrado máis eficientes que as multas e os radares, por exemplo. Para a instalación deses elementos, lembrou que está en marcha un investimento de case catro millóns de euros por parte da Deputación, e que está prevista a posta en marcha dunha segunda fase.