Outubro é o mes do teatro en Nigrán

O Concello de Nigrán inicia a súa programación sociocultural de outono. Ademais da gastronomía a través da cuarta edición do concurso “Bocados”, este mes de outubro estará dedicado ao teatro afeccionado e a recuperación da memoria histórica co aniversario da “Volta dos 9” e o “Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia”. Novembro será o mes da micoloxía e dos magostos nas parroquias. Unha programación estable e de calidade que se manterá xa como referencia do mes de outubro e do outono en Nigrán.

Ao longo deste mes, diferentes compañías de teatro afeccionado da comarca debutarán no Auditorio Municipal de Nigrán cada fin de semana e sempre con entrada de balde ata completar aforo. A programación a pecharán o domingo 29 os monólogos científicos de Ciudad Ciencia a cargo de VigBan, sendo este o primeiro acto no municipio deste proxecto liderado polo CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas) e La Caixa.

«En toda a comarca hai moitos grupos de teatro afeccionado aos que o Concello quere apoiar ofrecéndolles un espazo para interpretar as súas obras, xa que ao mesmo tempo hai un público moi interesado», sinala a alcaldesa en funcións, Raquel Giráldez, quen subliña que o obxectivo é manter anualmente este ciclo no mes de outubro.

Así, o domingo 8 (19:00) actuará o grupo de teatro de Priegue Entre Lusco e Fusco coa obra «Los pintores no tienen recuerdos»; o sábado 14 (19:30) o grupo de Mañufe Xente daquí e dacolá con «Quen nos manda facer teatro?»; o domingo 22 de outubro (19:30) Atrezzo de Vigo presenta «Chicago Killers»; o sábado 28 (19:30) Lohegrin representa «Bernarda» e, finalmente, o 29 de outubro (19:30 horas) “Científicos sobre ruedas” a través de Ciudad Ciencia.

Anuncios