Baiona inicia as obras do carril bici no Paseo de Alfonso IX

O Concello de Baiona iniciou as obras de construción dun novo tramo de carril bici no Paseo de Alfonso IX. O proxecto contempla unha reorganización dos espazos ao longo dos 250 metros que mide o paseo, que deixará unha zona peonil de catro metros de ancho cara ao mar e unha senda para os cicloturistas de 1,80 metros próxima á calzada da Avenida Elduayen, da que estará separada por un bordo con vexetación.

Os traballos incluirán a renovación do mobiliario urbano e as zonas verdes. Entre o viario peonil e o carril bici crearase un lineal de céspede á altura dos asentos, no que se colocarán novas árbores ou se cambiarán por outro tipo de vexetación supervisada pola Concellería de Medio Ambiente. As árbores actuais serán replantadas noutra zona.

“Tras a intervención Baiona contará cun novo espazo para os afeccionados á bicicleta que permitirá unir a zona da Ribeira co porto pesqueiro. Trátase dunhas obras de suma importancia xa que permitirán dar continuidade ao carril bici entre Vigo e A Guarda”, destacou Ángel Rodal.

Os gastos do investimento corren a cargo da Xunta de Galicia que orzou en 182.000 euros as obras. Os traballos veñen completar a actuación levada a cabo o ano pasado polo organismo autonómico que actuou no quilómetro que discorre entre A Palma e o Rompeolas.

«Trátase dunha actuación rápida, xa que se centra na superficie e non contempla intervención no subsolo. Así que esperamos que estea practicamente entre dous e tres meses», sinalou Rodal.

Anuncios