Piden responsabilidades pola morte do traballador en Porto do Molle

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Porto do Molle.

O Partido Comunista de Galicia esixe que se abra unha investigación rigorosa e se apliquen as sancións a que houbera lugar pola morte este luns dun operario de 49 anos mentres traballaba nunha nave do polígono empresarial de Porto do Molle, en Nigrán.

“Este accidente debe inscribirse no deterioro do sistema preventivo español. Os datos estatísticos do primeiro semestre de 2017 confirman o agravamento da tendencia de aumento da sinistralidade, froito das condicións de traballo”, sinalan nun comunicado.

Segundo O PCG cómpre realizar un investimento en medidas preventivas. “Pero todo será insuficiente se non se teñen en conta múltiples factores que inciden para favorecer a sinistralidade. A precariedade, a temporalidade, o aumento da carga de traballo, a redución de cadros de persoal e o estrés fan que o traballador estea máis indefenso á hora de esixir medidas preventivas necesarias”, conclúen.

Anuncios