Anuncios
Ticker de novas

Baiona inicia as obras de humanización na rúa Marqués de Quintanar

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Tramo no que se iniciarán as obras da rúa Marqués de Quintanar.

Tras finalizar con éxito as actuacións previstas nas humanizacións das rúas Cidade de Vigo e Laureano Salgado, a partir do próximo luns darase comezo ás obras de humanización da rúa Marqués de Quintanar, onde o prazo previsto para a súa execución será de 8 meses.

Os principais traballos a levar a cabo consistirán na renovación e/ou ampliación de todos os servizos principais que discorren pola rúa, así como a adecuación e actualización dos pavimentos e firmes, dotando a esta vía principal de acceso da localidade de novos espazos de encontro veciñais e dinamizando toda a área lindeira.

“A humanización prevista esténdese por unha superficie superior aos 8.000m2, desde a confluencia da PO-552 ata a Glorieta de Colón, onde se prevén novas instalacións de abastecemento de auga potable, saneamento, pluviais, redes de electricidade de media e baixa tensión, así como a finalización das redes existentes de telecomunicacións e gas natural”, sinala o Concelleiro de Vías e Obras, José Ángel Bahamonde.

Os traballos, a realizar en varias fases, comezarán no tramo comprendido entre a Avenida Ramón e Cajal, PO-552, ata a súa confluencia coa Rúa Laureano Salgado. Instaláronse paneis informativos co fin de informar o cidadán da nova redirección do tráfico rodado na zona.

Desde o Concello buscáronse alternativas para que a rúa siga proporcionando funcionalidade tanto aos residentes como ao resto de veciños e á actividade comercial. Para iso, procederase ao cambio de dirección da rúa Marqués de Quintar facilitando a saída da vía pola rúa Laureano Salgado.

O Alcalde e o Concelleiro de Vías e Obras reuníronse o pasado xoves cos veciños e comerciantes para explicarlles o proxecto. Ademais, levarán a cabo reunións informativas semanais a pé de obra para que todos os veciños poidan expoñer as súas dúbidas e preguntas respecto das mesmas.

“Con esta actuación prevista, preténdese lograr unha unificación de criterios urbanísticos dentro do centro urbano que permiten poñer en valor esa identidade propia da que goza o Concello de Baiona”, destaca o Alcalde, Ángel Rodal.

O orzamento da execución das obras ascende a 809.066,32 euros, pero o seu custo non supón ningún gasto a maiores para o Concello ao estar asumido pola nova empresa adxudicataria do servizo de abastecemento da auga, Gestagua, xa que unha das cláusulas do convenio establece que a empresa debe investir 1.400.00 euros durante o primeiro ano en obras de mellora en saneamento e abastecemento de auga.

Anuncios