Os alcaldes de Gondomar e Baiona, Paco Ferreira e Ángel Rodal, e a tenente de alcalde de Nigrán, Raquel Giráldez, asistiron este venres á presentación do Obradoiro de Emprego “Valmiemprega II”, dedicado ao turismo e a tecnoloxía web, e que se desenvolverá no Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar durante nove meses.
A acción formativa é froito por segundo ano consecutivo dunha sinerxia entre os tres municipios da comarca. A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia concedeu unha subvención de 279.959€ para este proxecto no que os tres concellos achegan á súa vez 10.578€, sumando un total de 290.537€.
En total, son 20 alumnos-traballadores que cobrarán o salario mínimo interprofesional (707,60€). O Obradoiro, a través do que os participantes reciben un certificado de profesionalidade de Promoción Turística e Desenvolvemento de Aplicacións con Tecnoloxías Web con validez en todo o Estado, presenta nesta convocatoria varias novidades, entre as que destaca a ampliación da duración do programa de 6 a 9 meses.

