Unha trintena de empresarios participaron no III Encontro de Negocios OVALMI

FOTO: OVALMI // III Encontro de Negocios.

A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor celebrou este xoves 28 de setembro o III Encontro de Negocios OVALMI.

Unha trintena de empresarios de diferentes sectores asistiron ao encontro para aprender como os seus negocios poden ser máis competitivos no mundo dixital cunha masterclass impartida por Tamarino Web & Márketing sobre a necesidade das empresas de estar na internet e coidar a súa imaxe dixital, tendo en conta que hoxe en día é un recurso moi importante ao que acoden os consumidores para localizar artigos ou servizos que lles interesan.

O tema deu lugar ao debate posterior sobre o uso da imaxe dixital nas pequenas empresas, destacándose que é imprescindible coidar a súa presenza nun recurso ao que se pode acceder de forma gratuíta como é Google Bussiness ou as redes sociais.

Así mesmo tratouse das grandes posibilidades que ofrece unha páxina web coidada e ben atendida e a publicidade na internet, a súa versatilidade e o seu gran alcance, sendo necesario segmentar o público ao que se dirixe para que poidan converterse en posibles compradores e a facilidade de medir os resultados da mesma.

Outro tema de debate foi o uso do email márketing, recurso que pode funcionar sempre que se dirixa exclusivamente ao potencial comprador e da forma adecuada.

Tamén se comentou entre os asistentes a necesidade de fomentar o consumo nos negocios locais, xerando prosperidade para todo o pobo, en lugar de acudir a grandes superficies ou a xigantes do comercio electrónico.

Todo iso sen esquecer o fundamental: ter un bo produto ou servizo que ofrecer aos clientes e unha boa atención.

Tras a charla formativa iniciáronse as presentacións individuais nas que cada un dos asistentes deu a coñecer o seu negocio e os seus produtos ou servizos co fin de aumentar a súa rede de contactos e as posibilidades de negocio con clientes potenciais, provedores, ou colaboradores.

Da interacción entre asistentes a estes encontros xa xurdiron negocios e espérase que xurdan máis tras o día de onte.

A reunión desenvolveuse nun ambiente relaxado e distendido, e finalizou cun aperitivo no que os asistentes charlaron animadamente dos seus negocios mentres degustaban o viño D.O. Ribeiro cortesía da Neta Manuela que namorou aos asistentes, e outros produtos como a tradicional rosca de Copena Nigrán.

Con estes Encontros de Negocios OVALMI busca poñer en contacto empresas do Val Miñor e a súa contorna, fomentar que se coñezan e estreiten lazos de confianza para xerar oportunidades de negocio e colaboracións comerciais entre eles, ademais de aumentar os seus coñecementos. A maiores desde OVALMI convidouse os asistentes a que se visiten tras o encontro, como forma de axudar a consolidar os contactos e a aproveitar as sinerxias.

III ENCONTRO DE NEGOCIOS OVALMI