Sin categoría

Os edís de Medio Ambiente e Sanidade comparecerán para dar conta da contaminación no litoral de Nigrán

Os concelleiros de Medio Ambiente e Sanidade do goberno municipal de Nigrán teñen que comparecer ante o próximo pleno para dar conta das súas actuacións relacionadas coa contaminación no litoral de Nigrán.

Este verán houbo episodios de contaminación microbiolóxica nas praias de Nigrán e non se sinalizou a prohibición de baño poñéndose en risco a saúde dos bañistas, polo que o grupo municipal de Nigrán Decide pediu a comparecencia dos Concelleiros de Sanidade e de Medio Ambiente para que dean explicacións por poñer en risco a saúde da veciñanza, así como das medidas que se están a tomar para preservar o medio ambiente no litoral.

“Con esta petición pretendemos que o goberno tome en serio a saúde da veciñanza, así como a loita contra a contaminación do noso litoral”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, pois, aínda que con toda probabilidade ao Concelleiro de Sanidade non se lle estea informando das situacións puntuais de contaminación que se producen, vai ser quen tería que responder nos xulgados en caso de que o risco para a saúde se materializase.

“Con relación á petición de comparecencia do Concelleiro de Medio Ambiente, o grupo municipal de Nigrán Decide, pretende coñecer as medidas adoptadas polo concello para controlar as verteduras que se producen no noso litoral e están contempladas no Plan de verteduras aprobado polo pleno do Concello de Nigrán o pasado mes de novembro de 2016”, finaliza Cuevas.