O Salón de Plenos do Concello de Baiona acolleu este venres o acto de presentación do VI Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor”, posto en marcha cunha achega de 179.134,20 euros (97.150,20 euros para os gastos salariais dos alumnos) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.
O Obradoiro está promovido pola Mancomunidade do Val Miñor e desenvolverase desde o vindeiro luns, 2 de outubro, no CEE (Centro de Educación Especial) de Panxón. Ao longo dos seis meses de duración (960 horas en total), os alumnos traballadores (de operacións básicas de cociña e de servizos de restaurante), seleccionados a través das listaxes do INEM, realizarán as prácticas que os acreditan en todo o territorio nacional para traballar no sector da hostalería.
O presidente da Mancomunidade e alcalde de Baiona, Ángel Rodal, presidiu o acto de benvida ao que tamén acudiron a tenente de alcalde de Nigrán, Raquel Giráldez; a secretaria territorial da Xunta na área de Vigo, Yolanda Lesmes, a directora responsable do Obradoiro e o director do CEE de Panxón, Rafael Lores.
“A colaboración entre as administracións son unha gran canle para desenvolver o emprego local, a Xunta sempre aposta polas actividades formativas implicando a todas os concellos e este tipo de obradoiros logran un grao de empregabilidade moi alto e teñen uns resultados, tanto en formación como en competitividade, moi satisfactorios”, apuntou Rodal.
Ángel Rodal destacou os esforzos da Mancomunidade para conseguir “xente preparada e especializada grazas aos obradoiros, de maneira que podamos fomentar o emprego no Val Miñor e que mediante a formación poidan entrar no mercado de traballo”.

