Gondomar limpará este domingo os seus ríos

O próximo domingo día 1 de outubro celebrarase a décima edición da Limpeza Simultánea de Ríos. Esta actividade ten o obxectivo de concienciar á sociedade da necesidade de que os nosos ríos estean ben conservados, e a presenza de lixo é unha ameaza constante que sofren os cursos fluviais.

Grazas á colaboración de 59 entidades o pasado ano, retiráronse máis de 13 Tn. de lixo e participaron un total de 762 voluntarias/os de 46 concellos en toda Galicia. Unha desas entidades é o Concello de Gondomar, a través da Concellería de Medio Ambiente, que vén colaborando con Proxecto Ríos desde o 2010. Nas limpezas feitas estes sete anos, retiráronse un total de 9.400 quilos de lixo.

Previamente á xornada de limpeza celebraranse unha serie de actividades. Do 25 de setembro ao 1 de outubro poderá visitarse a exposición “Unha invasión silenciosa: a biodiversidade baixo ameaza” na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10, baixo). O venres 29 de setembro ás 20:30 horas, tamén na sede do IEM, terá lugar a conferencia “A guerra dos mundos: o Río Miñor, unha historia de invasións”, a cargo de Luis González Rodríguez, profesor da Facultade de Bioloxía e presentada por Pura Martínez, bióloga e profesora, e a proxección do documental “Os traballos de Proxecto Ríos en Gondomar”. E o sábado 30 de setembro celebrarase unha andaina polo Río Miñor, guiada por Xosé Ramón García e Pura Martínez, ambos os dous profesores do IES Escolas Proval, con saída ás 16:30 horas na Ponte da Paradela (xunto o antigo matadoiro).

Para rematar, o domingo día 1 de outubro celebrarase a décima edición da Limpeza Simultánea de Ríos, no Zamáns e no Miñor. O punto de reunión será tamén a Ponte da Paradela ás 10:00 da mañá. Todos os interesados en participar poden apuntarse con nome completo e número de DNI na páxina web do Concello www.concellodegondomar.gal ou no teléfono 666 386 356.

O Proxecto Ríos

É unha iniciativa europea que en Galicia vén desenvolvendo a asociación ecoloxista ADEGA dende o ano 2005. Consiste na prospección dun treito de río seguindo un protocolo, para así facer unha valoración anual dos ríos galegos coa finalidade de protexelos. Os datos, sempre recollidos por voluntarios locais, poden consultarse en www.proxectorios.org.

Este ano está dedicado ás plantas invasoras que acaban coa flora autóctona. A extracción de especies invasoras iniciouna o Proxecto Ríos no ano 2006 para chamar a atención do impacto que causan nos ecosistemas plantas e animais traídos de outros lugares.

A limpeza dos ríos faise simultaneamente en todo o país o último domingo de setembro ou o primeiro de outubro desde o ano 2007, cunha dobre intención: liberar de lixo os leitos fluviais e crear conciencia colectiva do problema.

Anuncios