Este sábado día 30 de Setembro Gondomar convértese nun estudio de cinema coa rodaxe de “Cristais”, unha curtametraxe englobada nun proxecto internacional para a mellora dos subtítulos no cinema. O filme está protagonizado polos coñecidos actores galegos Rubén Riós e Tacho González entre outros.
A natureza que rodea a vila de Gondomar, os seus bosques e outras zonas e parroquias do concello servirán como escenario para a rodaxe da curtametraxe “Cristais” con Rubén Riós (Libro de Familia, Pradolongo, Vilamor…) e Tacho González (Padre Casares, Rías Baixas, etc…) encabezando o elenco de actores protagonistas.
A curtametraxe, que se rodará con tecnoloxía 4K, está dirixida por Xosé Comesaña e englóbase dentro dun proxecto internacional que busca mellorar a accesibilidade ao cinema para aquelas persoas con deficiencias auditivas ou para a tradución de distintos idiomas. Nel colaboran investigadores da Universidade de Roehampton (Londres), da Johannes Gutenberg University of Mainz (Alemaña) e as Universidades de Vigo e Barcelona en España.
Dentro desta investigación “Cristais” será a primeira produción audiovisual a nivel mundial na que se estude a creación de subtítulos integrados creativos desde a súa preprodución, diferenciándose da práctica habitual onde os subtítulos intégranse nas fases de postproducción e distribución.
Isto fai que esta curtametraxe e as súas localizacións, como as de Gondomar, vaian ser visionadas non só en festivais nacionais e internacionais de curtametraxes, senón tamén en universidades, facultades de comunicación e escolas de cinema de todo o mundo.
La Pizarra Producciones, produtora deste curto, agradece a colaboración do Concello de Gondomar, a súa alcaldía e Concellería de Cultura para facilitar a gravación deste proxecto.

