Sin categoría

Nova sesión de “Unha tapa con Carlos Casares” en Gondomar

Como todos os últimos xoves de cada mes, a Libraría Libraida e a Taparía A Galiña de Ardora de Gondomar organizan “Unha tapa con Carlos Casares”, unha perfecta maridaxe entre a literatura e a gastronomía para homenaxear ao escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e moi vinculado á comarca do Val Miñor.

O acto, que comezará ás 20:30 horas, está dividido en dúas partes. Na primeira, unha persoa convidada achega aos asistentes unha das obras de Carlos Casares, e na segunda, comparten unha lectura de texto escollido e recollido na Marxe, o dietario persoal que Carlos Casares escribiu para La Voz de Galicia desde 1992 ata 2002, mentres degustan unha tapa na taparía. Nesta ocasión “Xoguetes para un tempo prohibido” comentada por Hakan Casares Berg e “10 lecturas compartidas con tapa”.

«Xoguetes para un tempo prohibido» percorre os diversos escenarios da represión diaria que se vivía na Galicia da ditadura franquista: a violencia imperante nos colexios relixiosos e nas igrexas, primeiro; a descuberta do amor e as relacións entre os dous sexos, condicionadas polas convencións e o medo; a loita política, despois, as súas escuridades e os os seus servilismos; a censura; e a dramática aceptación da derrota, finalmente.

Na súa terceira novela, Carlos Casares acompaña ao protagonista, Elías Paz, desde a nenez nunha pequena vila ourensá ata os tempos de estudante universitario en Compostela. O texto enlaza nunha hábil mestura a segunda e a terceira persoas, no que é considerado o cumio da etapa máis experimental do seu autor.