Diego Otero, convocado pola Selección Española para o Torneo Internacional de Krasnik en Polonia

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Diego Otero Míguez será un dos cinco deportistas galegos que acudirán ao Torneo Internacional de Krasnik, en Polonia, que se celebrará do 5 ao 9 de outubro coa participación de 15 países de Europa, convocados coa selección nacional cadete e júnior.

Trátase da primeira convocatoria da presente tempada, para competir a nivel internacional. O baionés, do Club de Loita Sabarís, substituirá ao lesionado Rafael Álvarez do Club San Ignacio de Vigo na categoría cadete libre olímpica, competindo na modalidade de 63 kg.

Diego Otero é un dos deportistas bolseiros que adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, xunto co seu compañeiro de equipo Anxo Uzal. O pasado mes de febreiro proclamouse campión galego cadete en 66 kg, tanto na modalidade de loita libre como grecorromana. Conseguiu a medalla de prata no Campionato Galego júnior celebrado en marzo e ese mesmo mes proclamouse campión de España cadete de loita libre olímpica en 58 kg.

En abril fíxose coa medalla de prata en 60 kg júnior de loita libre olímpica no Campionato de España e coa de ouro no Torneo Internacional Jóvenes Promesas, na categoría cadete. Nesa mesma competición finalizou terceiro en júnior, facéndose coa medalla de bronce.