Nigrán emprende as obras de desentullo do vertedoiro ilegal xunto ao Punto Limpo

O Concello de Nigrán iniciou os traballos de desentullo do vertedoiro ilegal situado nunha leira privada á beira do Punto Limpo e empregado polo anterior goberno do PP durante o seu mandato para depositar todo tipo de residuos municipais. A empresa “Demoliciones y Excavaciones Darda S.L” devolverá á leira de preto de 4.000 m2 e que linda coa EDAR ao seu estado orixinal antes de que remate o ano por un importe total de 54.450 euros asumidos con fondos propios do Concello de Nigrán mediante unha modificación de crédito. As toneladas de entullos serán clasificadas e recibirán o seu correspondente tratamento conforme á propia lei dita.

«Co desentullo e restitución desta parcela ao seu estado orixinal e pago da multa este goberno pecha un dos capítulos máis lamentables da política ambiental do Concello», resume o edil de Medio Ambiente, Diego García.

Así, o Concello de Nigrán abonou o pasado 27 de agosto os 15.000 euros de multa que interpuxo a Consellería de Medio Ambiente a tenor do expediente iniciado en abril de 2013 polo Seprona. Así, o anterior goberno do PP fixera un requirimento contra esta resolución de sanción do 28/01/2015 que obrigaba a pagar os 15.000 euros por unha infracción tipificada como grave, desestimándose este recurso o 22 de maio de 2017 e abonando a mesma o actual goberno (o 27 de agosto deste ano).

Durante os anos de goberno do PP fóronse acumulando nesta leira depósitos de todo tipo procedentes especialmente da Concellería de Vías e Obras, pero tamén de particulares. A raíz da inauguración en 2014 do Punto Limpo (situado a escasos 100 metros) a situación empeorou porque tardou en estar operativo meses e os particulares que se achegaban ata el deixaban os aparellos no vertedoiro. Foi o Seprona quen iniciou unha denuncia en abril de 2013 e quen, neste informe que recolle a propia resolución da multa, fai fincapé que dende o Concello «infórmasenos que estes entullos os deposita o propio Concello e que a súa procedencia son as distintas obras que este está realizando así como o desbroce e poda e limpeza dos seus parques e xardíns». Realidade que posteriormente volve a recoñecer o anterior responsable do PP de Vías e Obras segundo recolle a ampliación de denuncia do Seprona o 22/11/2014.

«Por fin podemos dar por resolta esta situación que herdamos e que, en pleno século XXI, representaba un auténtico anacronismo. Na nosa política medioambiental non ten cabida ningún tipo de vertedoiro, e menos aínda para uso municipal «, expón García.