Sin categoría

Comeza en Baíña o obradoiro “Arte coas flores” do programa “Depo en Marcha”

Os concellos de Baiona, Cambados, Cuntis, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, O Rosal e Salceda de Caselas súmanse esta semana, desde o 25 ata o 29 de setembro, a unha nova entrega dos obradoiros do programa “Depo en Marcha 2017” da Deputación de Pontevedra.

Esta acción da institución provincial impartirá, ao longo deste exercicio, un total de 161 cursos para entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas de 45 concellos da provincia de Pontevedra. Os obradoiros deste semana suman arredor de 150 novos e novas participantes

O mércores 27 de setembro, 19 persoas do Centro Cultural de Baíña, en Baiona, desenvolverán “Arte coas flores”, que inclúe nocións sobre recoñecemento destas especies e as ferramentas para desenvolver actividades, sobre conservación, combinación de elementos e manexo e colocación das flores con fins ornamentais.

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este programa de fomento do envellecemento activo a través de actividades encaixadas en diversas temáticas e que conta cun orzamento de 120.000 euros. Con “Depo en Marcha 2017”, a institución provincial busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra, establecendo relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social, promovendo espazos de encontro e tamén o intercambio de experiencias.

As 8 alternativas de obradoiros que se impartirán nesta ocasión serán “Traballando coas mans”: arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e traballos manuais; “Entre fogóns”: cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos; “Aprendendo da natureza”: plantas medicinais; “Móvete”: pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; “Activando corpo e mente”: conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; “Enredando”: xogos tradicionais e teatro; “Dálle marcha”: bailes de salón, pandeireta e canto popular; e, por último, “En rede”: Internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e Informática avanzada.

As actividades terán lugar nun total de 45 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mondariz, Mos, Nigrán, Pazos, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.