Sin categoría

Terceira praza para Alberto Meira no Rali Ribeira Sacra

Alberto Meira e José Murado cultivaron este fin de semana a terceira praza no Rali Ourense Ribeira Sacra, sexta cita do Campionato Galego da especialidade. Este resultado non só permite a Meira seguir na loita pola reválida do título, senón que ademais é unha inxección de moral para todo o seu equipo, pola forma en que transcorreu a carreira: Meira foi o líder inicial da carreira e en todo momento, sendo o único galego capaz de discutir a vitoria fronte ás dúas estrelas xaponesas. Aínda que a rotura dun semieixe no penúltimo tramo, cando marchaba na cabeza da carreira, supoñía caer ao terceiro posto, a demostración quedara feita.

Para Meira este rali tiña por tanto un sabor agridoce: “Está claro que nos doe ver escaparse unha vitoria por culpa dunha avaría, pero ao mesmo tempo a terceira praza é un bo resultado, e sobre todo estou contento pola imaxe que demos. Corremos moito durante todo o día e foi preciosa a loita con Arai, un mozo que non só é un bo piloto, tamén foi moi accesible e simpático con todos. Tanto el como o seu compatriota Takamoto demostraron gran humildade. Sinto o seu accidente, era fantástica a pelexa con eles. Fixéronnos correr moito, creo que persoalmente volvín a rodar ao nivel doutras tempadas, e iso tamén foi grazas a que cada vez estou máis compenetrado con José Murado, que se incorporou ao equipo case coa tempada empezando, pero está a demostrar ser un gran profesional”.

A próxima cita para o equipo será o Rali San Froilán, a finais de outubro.

6º RALI OURENSE RIBEIRA SACRA
1º – Arai-McNeall – Ford Fiesta R5 – 50:04.127
2º – Caamaño-Rodríguez – Ford Fiesta R5 – 51:01.203
3º – Meira-Murado – Mitsubishi Lancer Evo X – 51:17.852
4º – González-Vallejo – Mitsubishi Lancer Evo X – 52:32.184
5º – Senra-Vázquez – Ford Fiesta R5 – 53:46.331
(Ata 92 clasificados)