“En Ruta coa Depo” mobiliza esta semana a 21.000 persoas con 24 novas excursións pola provincia

O programa da Deputación de Pontevedra “En Ruta coa Depo” organiza esta semana 24 novas saídas que contarán coa participación de máis de 2.1000 persoas de 36 asociacións. As rutas comezarán o mércores e inclúen visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico da propia provincia de Pontevedra, como son a illas de San Simón, Toxa e Cíes, os barrios antigos de Cambados, Cuntis ou Cangas, o Castelo de Sobroso, os castros de Santa Trega e Castrolandín ou os pazos de Lourizán e Gandarón, por citar tan só algúns dos máis de 30 posibles percorridos que realizarán as e os excursionistas.

O mércores, 27 de setembro, terán lugar as dúas primeiras saídas. Un grupo de 108 persoas da Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo del Amor de Porriño, visitarán a Illa San Simón, o Museo Meirande en Redondela, o Castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio. Por outra banda, 34 membros da Asociación Padres Centro Asistencial de Diversidad Intelectual de Redondela realizarán unha ruta pola Illa da Toxa, que inclúe tamén un paseo en barco pola ría de Arousa e visitarán o Museo da Salga e o xacemento da Lanzada.

O xoves 28 haberá outras dúas novas excursión, 108 persoas da Asociación Juan XXIII de Pontevedra farán un percorrido polo Castro de Santa Trega, na Guarda, o Espazo Fortaleza en Goián, visitarán o conxunto histórico do Monte Aloia e o Alto dos Cubos. Así mesmo, 54 persoas da Asociación Doa Saúde Mental e Vigo realizarán unha ruta polo Santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza, o serradoiro dos Carranos; e a reitoral de Barciademera, en Covelo.

O venres, 29 de setembro 108 persoas da Asociación Xubilados e Pensionistas de Salceda visitarán a ruta das Camelias Señoriais no Pazo de Lourizán, o Pazo de Gandarón e o Pazo de Oca. O mesmo percorrido tamén o visitarán ao día seguinte 108 persoas da Asociación de Maiores de Ponteareas e outras 54 da Asociación Cultural San Antonio da Lama.

O sábado 30 será a xornada co maior número de rutas programadas. 54 persoas da Coral Polifónica Municipal Illa de Arousa realizarán unha saída centrada na prehistoria visitando a Mámoa do Rei, en Vilaboa, o dolmens de Chan de Armada e Chan de Arquiña e mámoa de Monte Penide, en Redondela.

Tamén o sábado un grupo de 54 persoas da Asociación de Mulleres de Quireza de Cercedo – Cotobade realizarán unha ruta polo conxunto histórico de Salvaterra de Miño, o parque da Canuda, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea de Arbo (Arabo) e visitarán as pesqueiras do río Miño.

Un grupo de 108 persoas da Asociación da 3ª idade de Quiñones de León, de Vigo, coñecerán o conxunto histórico de Cuntis (praza das Árbores, Casa Grande dos Castro etc.), o miradoiro do parque Maráns, o castro de Castrolandín, e o conxunto histórico de Caldas de Reis: fonte das Burgas, ponte romana, xardín botánico e carballeira.

Pola súa parte, outro grupo de 54 persoas da Asociación de Veciños A Unión de San Pedro de Matamá de Vigo, visitarán Silleda, un percorrido que inclúe paradas en Castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, a fervenza do Toxa e algúns dos escenarios da serie O final do Camiño.

Tamén 54 persoas da Asociación de Veciños O Castelo, de Lama, desprazaranse ata Lalín para coñecer as instalacións do Centro Castrodeza, do Museo Municipal Ramón María Aller, do Pazo de Liñares, do Museo Galego da Marioneta e da Casa do Patrón.

No caso da Asociación de Veciños de Pedreira, de Soutomaior, 54 persoas visitarán a zona da Guarda, casco histórico e monumentos.

Ademais 108 persoas das Asociacións de Mulleres Rurais Adro Vello e da Asociación de Mulleres Rurais San Miguel de Cora visitarán o Castelo de Sobroso, o concello de Mondariz-Balneario, os petróglifos de Gargamala, en Mondariz, e o Castro de Troña, en Ponteareas.

Un grupo de 108 persoas de A Fundación, de Vigo, realizarán unha ruta pola Illa da Toxa, un paseo en barco por la ría de Arousa, con degustación, visitarán o Museo da Salga e o xacemento da Lanzada.

Outras 216 persoas do ANPA do CEIP Sestelo de Baión, da Asociación Mulleres en Igualdade de Boiro, e da Asociación 7 Lista Robaleira de Bueu realizarán unha excursión á Illa de San Simón e Meirande.

Igualmente, un grupo de 216 persoas das Asociación de Mulleres en Igualdade de Busto de Lalín, do ANPA As Lombas C.P.I Progreso e da Asociación de Veciños San Esteban de Cumiar, navegarán ata as Illas Cíes e visitarán conxunto histórico de Vigo e barrio mariñeiro do Berbés.

Ata as Illas Ons haberá unha ruta con 162 persoas das Asociación de Niños con Hiperactividad y/o Déficit de Atención, de Vigo, da Asociación Veciñal da Parroquia do Freixo, de Crecente e da Asociación Solidaria de Paradanta de Arbo.

Xa o domingo 1 de outubro, haberá outras 8 saídas. Un grupo de 54 persoas da Asociación de Veciños San Martiño de Prado de Lalín coñecerán Cambados, o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, o conxunto histórico da vila, a bodega de Fefiñans e o Museo Muíño de Mareas da Seca.

Ata os conxuntos históricos de Cuntis e Caldas se achegarán un grupo de 108 persoas da Asociación Cultural Santiago de Malvas de Tui que percorrerán o miradoiro do parque de Maráns, o castro de Castrolandín, o conxunto histórico de Caldas de Reis, a fonte das Burgas a ponte romana e o xardín botánico e a carballeira.

Está previsto que 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais o Mouriño de Corón de Vilanova de Arousa se acheguen tamén ata Silleda, onde poderán coñecer o Castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, a fervenza do Toxa e escenarios da serie “O final do Camiño”.

Un grupo de 108 persoas da Asociación de Veciños de Coruxo de Vigo, visitarán o castelo de Sobroso en Mondariz – Balneario, os petroglifos de Gargamela, e o castro de Troña en Ponteareas.

Outras 54 persoas da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Cabral de Vigo, realizarán unha saída ata os Pendellos de Agolada, con visita ao Museo A Solaina de Poliño, en Vila de Cruces, ao obradoiro de zocos da artesá Elena Ferro, a Fundación Xosé Neira Vilas e á igrexa de San Salvador de Camanzo.

Un grupo de 54 persoas da Asociación de Veciños Labirinto de Mogor trasladarase ata a Cañiza para facer unha ruta polo Santuario de Santa María da Franqueira así como polo reitoral de Barciademera, en Covelo.

Así mesmo, outras 108 persoas da Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Baiona e do Centro Cultural Recreativo de Cabral de Vigo, farán unha excursión pola Illa da Toxa, cun paseo n barco polla ría de Arousa, e visitas ao museo da Salta do Grove e o xacemento da Lanzada.

Por último, un grupo de 108 persoas composto por xente da Asociación de Veciños de Moneixas, de Lalín e da Asociación de Veciños a Firgha da Somoza, visitarán as Illas Cíes e tamén o conxunto histórico de Vigo e o barrio mariñeiro do Berbés.

O programa “En ruta coa Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, o programa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.

A Deputación achega a este programa 260.000 €, 21.500 € máis que o ano pasado, e oferta por vez primeira 400 prazas gratuítas para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social. “En Ruta coa Depo” oferta un total de 32 rutas distribuídas entre seis bloques: temáticas, culturais, marítimas, adaptadas para persoas con mobilidade reducida, dinámicas/activas/xuvenís e, por último, interxeracionais e para ANPAs. O catálogo de rutas pódese consultar no catálogo dispoñible na páxina web http://www.depo.gal.