Cristóbal Dios e María Ortega repiten triunfo no Desafío Islas Cíes

FOTO: FEGATRI // Cristóbal Dios e María Ortega no máis alto do podio.

Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo) e María Ortega (TriToledo) proclamáronse este domingo vencedores do V Desafío Islas Cíes, revalidando desta forma o triunfo conseguido o pasado ano.

Na categoría masculina Cristóbal Dios ademais logrou o mellor rexistro das cinco edicións desta proba cun tempo de 3:55:55 para realizar os 1,9 quilómetros de natación, os 90 quilómetros de ciclismo e os 22,1 de carreira a pé.

O podio masculino quedou formado por Cristóbal Dios no máis alto, mentres que segundo foi Ismael López (Tríatlon Vilagarcía) e Sergio Bolado (Elche) na terceira posición.

Na proba feminina, María Ortega logrou o triunfo (4:34:10), con María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial) na segunda posición e Ana Caleya (Tríatlon Clavería Móstoles), na terceira.

O tríatlon Desafío Islas Cíes desenvólvese nos municipios de Vigo e Nigrán, e nesta quinta edición contou con 500 inscritos.

Os 1.9 km de natación desenvolveuse nun circuíto de boias na Praia do Vao. O percorrido de bicicleta de 90 km aproximadamente, consistiu en catro voltas a un circuíto pechado pola estrada da costa que une as poboacións desde a Praia do Vao en Coruxo (Vigo) ata A Ramallosa (Nigrán). Os 21 km de carreira a pé consistiron en 3 voltas por un circuíto con saída desde a Praia do Vao dirección Vigo pola estrada da praia, para continuar correndo polo paseo do muro da Praia de Samil. Para volver, correndo pola estrada, ata a rotonda de Boxes no Vao.