CABE volve solicitar unha rectificación pública do alcalde tras acusalos de perder outra subvención

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto esixe ao alcalde, Paco Ferreira, unha rectificación pública tras acusalos no pasado pleno do 21 de setembro de perder unha subvención referente a actividades medio ambientais da liña 3.5 do Plan de Obras e Servizos da Deputación de Pontevedra, “cousa que non é certa”, asegura Jimena Varela.

“Despois do bochornoso espectáculo en xuño (cando o Sr. Alcalde tivo que rectificar publicamente tras acusar falsamente a CABE de perder unha subvención), o Sr. Ferreira demostra que pouco aprendeu e volve facer o mesmo”, critica Varela.

Segundo CABE, entregaron o proxecto para a solicitude desta subvención, consistente nunha campaña de fomento e educación na compostaxe, só a falta de cubrir o anexo, que tiña que ser cuberto por un funcionario/a municipal, e a Concellería de Medio Ambiente carece de persoal propio, o día 30 de decembro de 2015.

“O prazo de remate para a solicitude desta subvención era o día 4 de marzo de 2016, data no que este grupo xa formaba parte da oposición. Se a subvención non foi finalmente enviada á Deputación, e polo tanto perdeuse, só é responsabilidade do bipartito”.

É por isto que CABE volve esixir unha rectificación pública do Alcalde e rógalle que deixe de culpar ao este Grupo Municipal da nefasta xestión do goberno que preside.

Anuncios