Sin categoría

Baiona celebra a tradicional Romaría de San Cosme e San Damián

Este luns e martes, días 25 e 26 de setembro, Baiona celebra a tradicional Romaría de San Cosme e San Damián. A contorna da praza de Santa Liberata acollerá a popularmente coñecida como “Festa do Mel e das Noces”, xa que nela danse cita decenas de postos destes produtos.

O luns, 25 de setembro, as festas comezarán ás 11:00 da mañá cunha tirada de bombas de palenque. Ás 12:00 do mediodía levarase a cabo, no Salón de Plenos do Concello, a entrega da distinción honorífica de “Fillo Adoptivo de Baiona” ao Doutor Lorenzo Pousa. Pola tarde, ás 18:00 horas, haberá un pasarrúas a cargo do grupo de gaitas “A Seneira” de Baiona. Ás 18:00, 19:30 (último día de Novena) e 20:00 horas celebraranse misas na Capela de Santa Liberata.

O martes, 26 de setembro, a Capela de Santa Liberata acollerá as misas das 8:00 e 9:00 da mañá. Na Igrexa Parroquial haberá misas ás 10:00, ás 18:00, e ás 20:00 horas. A tirada de bombas de palenque ás 11:00 horas marcará o inicio da procesión polo centro histórico acompañada polo grupo de gaitas “Os Trebellos” de Baíña. Ás 12:00 terá lugar a Misa Solemne na Igrexa de Santa María, e ás 13:00 e 18:00 horas, a mesma agrupación actuará no recinto de Santa Liberata. Ás 19:00 actuará o grupo de baile e música tradicional “Airiños da Lagoa” de Baíña.