“O campo de golf aféctanos a tódolos veciños do concello, non só ós de Baredo”

FOTO: SOS GROBA // Os veciños de Baredo mostran o seu rexeitamento ao campo de golf.

Queridos veciños de Baiona, Baíña, Belesar e Sabarís desde Baredo, queremos faceros chegar unha realidade: o campo de golf aféctanos a tódolos veciños do concello, non só ós de Baredo.

Como está proxectado nos terreos de montes de Baredo e a auga que usará será a de Baredo parece que non é un problema para vós, pero iso non e certo. Vouvos dar algúns motivos para que cambiedes de opinión:

1º – No proxecto indica que a inversión para completar as instalacións sería de 14.327.658,88 euros. En principio, sairían das arcas municipais e se temos en conta que o orzamento de 2017 do Concello de Baiona é de 8,5 millóns de euros, é de supoñer que non poderán facer fronte a este importe facilmente. Polo que seguramente terán que eliminar servizos e subir considerablemente os impostos, para aumentar a recadación.

Ademais, os 14 millóns de euros están moi por debaixo da realidade. Por exemplo, valoran a expropiación do terreo a 3 euros o metro cadrado, pero revisando as últimas sentenzas sobre expropiación de terreos de monte comunal, o prezo final será moito maior. Tamén habería que sumarlle os intereses financeiros que terían os créditos que solicite o Concello.

Sería un problema económico para o Concello de Baiona que lastraría os presupostos durante anos ou décadas.

2º – Os problemas ca escaseza da auga chegarían ó encoro de Baíña. Como levamos tempo avisando, o campo de golf acabaría ca auga que temos en Baredo, da que bebe e rega todo o pobo. Debido a isto, os 1.200 habitantes da nosa parroquia teriamos que utilizar a mesma auga da que bebe Baiona, Baíña e Sabarís. Imaxinar si este encoro, que agora mesmo, só ten auga para 6 meses e que está por debaixo da metade da súa capacidade, tivera que abastecer a 1.200 persoas máis durante todo o ano.

3º – Nestes terreos vemos pasar a persoas a pé ou a cabalo, pasear ós cans, desfrutar cas bicicletas de montaña, etc. A natureza que temos na nosa parroquia a pode desfrutar calquera, non só os de Baredo. Pero con este proxecto o monte será expropiado para que o xestione unha empresa privada, privando do seu uso a todos os veciños do concello.

Existen outros moitos motivos como pode ser o impacto das explosións necesarias, o dano á fauna e flora, a contaminación, etc. Pero só queriamos mostrar que non é só un problema de Baredo, que afecta a todos os que pertencemos ó Concello de Baiona.

Un saúdo.

Un veciño de Baredo.

Anuncios