Sin categoría

Inscricións abertas para o obradoiro interxeracional “O noso son” en Gondomar

O Concello de Gondomar organiza o obradoiro “O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre” no marco do programa “Tecendo lazos 2017” da Deputación de Pontevedra. Neste obradoiro as familias compartirán os bailes e as cancións típicas da súa zona traéndoas así á actualidade, para promover o intercambio das diferentes versións de cancións populares (música e letra) que coñece cada familia e contribuír á difusión da tradición oral e musical galega.

O obradoiro desenvolverase os sábados de 11:00 a 13:00 horas a partir do 21 de outubro na Casa da Cultura de Gondomar. Máis información e inscricións na OMIX do 21 de setembro ao 10 de outubro. Teléfono 986 369 746.

O programa «Tecendo lazos» ten por finalidade desenvolver obradoiros interxeracionais no ámbito do lecer e do tempo libre a través dos cales se pretenden poñer en marcha estratexias, oportunidades e formas de creación de espazos para o encontro, a sensibilización, a promoción do apoio social e o intercambio recíproco, intencionado, comprometido e voluntario de recursos, aprendizaxes, ideas e valores encamiñados a producir entre as distintas xeracións lazos afectivos, cambios e beneficios individuais, familiares e comunitarios, entre outros, que permitan a construción de sociedades máis xustas, integradas e solidarias.