Baiona quenta motores coa chegada dos equipos do Trial das Nacións

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Baiona quenta motores coa chegada dos equipos dos 20 países que tomarán parte no Trial das Nacións que arranca este venres na principal vila do Val Miñor.

Os primeiros en percorrer as súas rúas foron os australianos, admirados pola beleza da zona, a mesma impresión manifestada por Jake Miller, director de Sport 7, a produtora encargada da organización xunto á Peña Moteros Val Miñor, por designación da FIM, a Federación Internacional de Motociclismo.

Noutra orde de cousas, a propia Peña Moteros, a través do seu presidente, José Durán, asinou un convenio de colaboración coa Clínica de Fisioterapia Val Miñor, que durante o Trial das Nacións montará unha unidade asistencial para atender aos pilotos que necesiten dos seus servizos.

Mañá xoves, na Praia dos Frades de Baiona, na contorna do Monte Boi do Parador de Turismo, terá lugar a presentación oficial, momento no que se descubrirá unha escultura conmemorativa, fundida en bronce polo escultor José Morales. O acto celebrarase ás 13.00 horas, coa asistencia confirmada do Alcalde, Ángel Rodal; o presidente da Peña, José Durán; e a selección española, tanto en categoría masculina como feminina, con Toni Bou á cabeza, así como o presidente da Comisión de Trial da Federación Internacional de Motociclismo, Thierry Michau; e o presidente da Xunta Xestora da Real Federación de Motociclismo Española, Pedro Más.

A convocatoria é aberta a todo o público que o desexe, tendo a oportunidade de ter, dunha maneira moi próxima, aos membros do equipo español, que parten como favoritos nesta competición intercontinental.

2017-09-20 - IMG_7624