Baiona presenta a súa oferta deportiva para o curso 2017-2018

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Actividades de raqueta.

A Concellería de Deportes e Actividades Marítimas do Concello de Baiona informa que desde o pasado luns día 18 de setembro está aberto o período de matrículas para as escolas deportivas municipais do presente curso 2017-2018. O comezo das clases está previsto para o luns 2  de outubro.

Para o novo curso deportivo 2017-2018, a Concellería de Deportes ofrece unha ampla variedade de actividades tanto para adultos como para os máis pequenos, ofertando gran diversidade de alternativas para ofrecer un servizo o máis axustado aos gustos e preferencias, polo que se espera superar o número de inscritos con respecto a anos anteriores.

A programación deste ano nace co lema “practicar deporte non é escusa, ti elixes”, pretendendo animar e achegar as instalacións municipais a todos os interesados indistintamente do sexo e as idades, fomentando a participación e ofrecendo unha forma cómoda e dirixida de facer deporte.

Ofértanse tres programas distintos:

• Escolas Deportivas Municipais. Os usuarios poderán realizar actividades como crossfit, core, trx, ioga, spinning, fitness, ximnasia de mantemento, gap, aerobic, pilates, pilates terapéutico, zumba, ximnasia de rehabilitación, circuit training, ximnasio cardio vascular e adestramento personalizado, todas situadas e desenvolvidas nos distintos espazos deportivos do Pavillón Municipal de Baiona.

• Deporte Escolar. A desenvolver en cada un dos centros escolares municipais, onde os monitores desenvolverán actividades xa moi instauradas como Multideporte, Baloncesto, Fútbol Sala, Tenis, Pádel, Fitness Júnior e Cardio Kids, a actividade máis nova que tenta paliar a obesidade infantil e ofrecer formación e liñas de traballo para orientar aos máis pequenos.

• Outras Escolas Deportivas: As escolas que se desenvolven baixo os convenios de colaboración cos colectivos municipais e que abarca unha multitude moi importante de variedades deportivas a prezos moi competitivos e que permiten diversificar e moito a oferta deportiva. Vela Lixeira (MRCYB), Ximnasia Rítmica (Club Estelas de Rítmica), Patinaxe Artística (Club Patinaxe Baiona), Tenis (Club de Tenis Baiona), Baloncesto (Club Baloncesto Baiona), Judo (Deputación de Pontevedra-Federación Galega de Judo), Taekwondo (Escolas Deportivas Sey), Loita Olímpica (Club de Loita Sabarís), Windsurf e Stand Up Paddle (Wetsports Ladeira e Pumpingolas) e como novidades para o presente curso escolar 2017-2018 a escola de running que se desenvolve a través do Club Atletismo Baiona e Bádminton a través da  Federación Galega de Bádminton.

Para a formalización de matrículas os interesados deberán pasar polas oficinas do Pavillón Municipal e acollerse a unha das distintas opcións do perfil do usuario que abarca desde o socio individual, familiar ou pensionista incluso podendo escoller a duración do perfil seleccionado anual, curso escolar (8 meses, de outubro a maio) ou 4 meses. Tamén se pode tramitar todo vía email.

Para maior información dirixirse ao Pavillón Municipal, ou a través do teléfono 986 356 558 ou do correo electrónico deportes@baiona.org.

FOLLETO OFERTA DEPORTIVA BAIONA CURSO 2017-2018

Anuncios