UCN valora positivamente a nova senda peonil e ciclista na rúa Torrente Ballester

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, valora positivamente a actuación que está a levar a cabo a Consellería de Infraestruturas na rúa Torrente Ballester (A Foz), unha actuación non de moita lonxitude (escasamente 300 metros), “pero si sumamente necesaria dado o actual estado de abandono dunha parte do viario autonómico da PO-325, resolvendo non só a mellora dos servizos, senón tamén dar solución á parada do transporte público, desprazándoa ao bordo da beirarrúa, corrixindo así unha situación de perigo actual no medio da calzada, cuxa dificultade no tráfico rodado e a carencia de marquesiñas é máis que evidente”.

A actuación supón tamén a continuidade dunha senda peonil a conectar co paseo existente na Foz, sumamente demandada polos veciños.

UCN con todo, considera pouco ambiciosa a actuación da Xunta, dado que non se dá solución a un vello problema existente no cruzamento da PO-325 coa Avda. Praia América e a rúa Francisca Lago, ao non contemplar unha rotonda no cruzamento que regule mellor a circulación viaria, actualmente regulada por equipo semafórico con constantes avarías, situación posta de manifesto á conselleira polo portavoz de UCN, Antonio Fernández, e que descartaron pola dificultade de ter que levar a cabo unha expropiación. “Con todo, a Xunta non ten reparos en expropiar 15 parcelas en Priegue, para a construción dunha senda peonil na PO-552 (Vigo-Nigrán), polo que non se entende tal negativa nesta actuación”.

Fernández Comesaña, tamén aproveitou para convidar á conselleira a darse unha volta pola PO-333, viario de titularidade autonómica que é a principal arteria de comunicación de Nigrán co litoral costeiro de Panxón (rúa Otero Pedrayo), “viario terceiromundista e en estado lamentable de conservación, con beirarrúas completamente intransitables, que impiden o paso de persoas con mobilidade reducida así como con carriños de bebés, o que obriga a invadir a calzada co evidente risco que supón para a integridade dos peóns, e que está a afear seriamente á Xunta o seu abandono, alegando a conselleira dificultades de axenda, pero con todo UCN non cexará na súa demanda, ao constatar a pouca convicción na reivindicación por parte do goberno local, e a nula defensa e interese por parte do Grupo Municipal Popular, e que UCN non arroxará a toalla ata ver cumpridas as xustas e razoables demandas na mellora do citado viario”, conclúe o portavoz independente.