Anuncios
Ticker de novas

O Goberno atrasa a idade de xubilación a milleiros de mariñeiros da flota conxeladora galega

FOTO: CIG

Milleiros de mariñeiros da flota conxeladora galega verán atrasada a súa idade de xubilación despois de que o Goberno español decidise que non se lle pode aplicar o máximo coeficiente redutor aos tripulantes de palangreiros e arrastreiros. Dende a FGAMT-CIG anuncian que convocarán asembleas para abordar unha problemática que cualifican como o maior recorte de dereitos sociais da historia da pesca do noso país.

A decisión de non aplicarlle o maior coeficiente redutor da idade de xubilación aos mariñeiros que faenaban en palangreiros-conxeladores e arrastreiros-conxeladores figura nunha circular interna do Instituto Social da Mariña (ISM) á que tivo acceso a CIG. O secretario comarcal da FGAMT, Xabier Aboi, compareceu hoxe en rolda de prensa para denunciar publicamente o que considera “o maior roubo de dereitos sociais da historia da pesca galega” e anunciar que nos vindeiros días convocarán novas asembleas para abordar esta problemática. No caso de que o Goberno español continúe sen atopar unha solución optarán por levar a cabo mobilizacións nas principais zonas afectadas, como son Marín, Vigo, Ribeira, A Guarda e A Mariña.

Segundo explicou Aboi, o conflito remóntase a hai case tres anos, cando detectan que a moitos mariñeiros lles faltan anos de cotización para poder xubilarse. “Entón descubrimos que a dirección xeral da Mariña Mercante modificara os coeficientes redutores da idade de xubilación, que é un dereito social que teñen os mariñeiros/as e outras persoas con profesións especialmente duras ou de risco como mineiros ou policías e que lles permite adiantar a idade de xubilación”.

A partir de aquí inician un intenso traballo de xestións, reclamacións e xuntanzas que remata cando Mariña Mercante e Capitanía Marítima solicítanlle aos armadores documentación para certificar a clasificación dos barcos como conxeladores, como único xeito de que se lles poida aplicar a máximo coeficiente redutor.

“Pero neste mes de xullo comezamos a recibir noticias de que o ISM continúa a manter os mesmos coeficientes que aplicaban a pesar de demostrarse que os barcos son conxeladores; e en setembro descubrimos unha circular interna asinada polo director xeral do ISM na que se lle dá rango de lei ao maior roubo de dereitos sociais dos mariñeiros galegos”.

E isto é así porque nesta circular establécese que non se lles poderá aplicar o máximo coeficiente redutor (0,40) aos tripulantes de buques clasificados nas subclases palangreiro-conxelador e arrastreiro-conxelador e que o cálculo farase en función da arte de pesca que practiquen e das toneladas de rexistro bruto das embarcacións. “Trátase da primeira vez que aplican este criterios, o que é un claro intento por recortar os dereitos de xubilación dos mariñeiros/as”.

Diante disto, dende a FGAMT-CIG pregúntanse cal é a flota conxeladora que queda á que se lle pode aplicar o máximo coeficiente redutor e quen son os responsables de fixar estes criterios. “Está a preparar o PP máis recortes a estas flotas con este novo concepto de arrastreiro conxelador?”. Outras das cuestións que trasladan ten que ver co tratamento desta problemática no Parlamento galego: “que dirán agora os deputados/as do PP e da Marea que culpaban a Bruxelas desta situación e que pedían que todo seguise igual ata que non houbese unha normativa europea?”.

Diante disto, solicitan unha xuntanza urxente de todas as partes implicadas -incluíndo as patronais do sector- para clarificar de xeito inmediato a situación e para que lles sexan restituídos os dereitos ás persoas afectadas. “Non pode ser que este coeficientes supoñan unha discriminación, senón como se entende que un barco de 120 e 300 toneladas, un palangreiro-conxelador que faena no Atántico norte, Atántico sur, Índico ou Pácífico teña o mesmo coeficiente que un atuneiro que faena en Mauritania ou un barco do ISM que saír ao mar seis meses ao ano e está a catro días do porto base”.

Anuncios