Nigrán inviste máis de 40.000 € en rexenerar a contorna das antigas escolas de Balinfra en Camos

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán iniciou as obras de rexeneración da contorna das antigas escolas infantís de Balinfra (Camos) que inclúen, entre outros aspectos, a creación dun novo parque para os nenos, outro biosaudable para adultos, substitución do peche perimentral, instalación de mobiliario urbano ou o traslado á parte posterior do parque xa existente. En total, o Concello inviste máis de 40.000 euros neste proxecto co obxectivo de rexenerar este recinto en desuso e transformalo nun novo lugar de encontro para a veciñanza e os máis pequenos. Este parque se sumará así ao instalado hai un ano no torreiro de festas da parroquia.

“Apostamos por rehabilitar e impulsar este espazo abandonado durante anos porque se atopa nun punto neurálxico da zona e porque o ‘Nigrán para todos’ que estamos a construír ten nos nenos un dos eixos fundamentais. Tódalas parroquias deben contar con lugares de esparexemento e en Camos, como na Ramallosa, había unha carencia clara ata que chegamos ao goberno”, explica Juan González, alcalde de Nigrán.

A realidade é que o terreo lindeiro ao antigo parvulario atopábase en mal estado, con zonas en desuso, pavimento irregular e elementos de xogo deteriorados. Así, a intervención consiste en, nunha primeira fase, recuperar o parque infantil xa existente e trasladalo á parte posterior (os elementos mal conservados, como o tobogán, serán substituídos por outros novos) e, ao mesmo tempo, instalar un novo na entrada con casiña de xogos, tobogán, columpios, balancíns ou plataforma xiratoria (o primeiro deles está orientado aos nenos máis cativos, que ademais poderán distraerse cun gran areeiro totalmente renovado tras máis de 30 anos). Tamén nesta primeira fase habilitarase o primeiro circuíto biosaudable para adultos da parroquia; dotarase de iluminación á parcela e se instalará mobiliario urbano antes non existente, como bancos ou papeleiras de polietileno (máis duradeiros e de fácil mantemento) e unha fonte.

Nunha segunda fase acondicionarase toda a contorna eliminando a maleza, regularizando a superficie, plantando céspede en determinadas areas, axardinando outros espazos e limpando con auga a presión a zona do parque. Paralelamente, se substituirá o actual peche perimetral de todo o recinto (en moi mal estado) por un novo.

O goberno local contempla nos vindeiros meses unha posta a punto de todos os parques infantís municipais e a creación de máis espazos.

Anuncios