A nova senda peonil e ciclista entre Praia América e A Ramallosa estará rematada en decembro

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asegurou hoxe en Nigrán que esta localidade contará antes de que remate este ano cunha nova senda na estrada PO-325, entre a travesía de Praia América e o paseo ata Baiona, para que os veciños poidan realizar os seus desprazamentos habituais, a pé ou en bicicleta. Vázquez Mourelle destacou que esta infraestrutura suporá un investimento de case 390.000 euros e lembrou que as obras non se iniciaron antes para evitar, posibles molestias e problemas de tráfico nunha zona tan concorrida, sobre todo nos meses de xullo e agosto.

Durante a supervisión destas obras, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e destacou que a actuación supón un novo itinerario peonil e ciclista na estrada PO-325 de 300 metros de lonxitude, que facilitará os desprazamentos cotiás de peóns e ciclistas e lles permitirá transitar por esta estrada dun xeito máis cómodo e seguro. Neste momento, estase a executar na zona de Monte Lourido, pola marxe dereita da estrada e dará continuidade ao realizado no ano 2013.

O itinerario será de uso mixto, para peóns e ciclistas non deportivos, contará cun ancho de 2,5 metros e estará separado da estrada por unha banda vexetal e a beiravía. Para a súa execución emprégase o terreo ata o límite do dominio público existente, polo que se evitan expropiacións. Así mesmo, aproveitaranse os traballos para facer unha reordenación do tráfico, mellorar o firme da estrada e renovar a beirarrúa esquerda.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda destacou que se realizarán, ademais, actuacións complementarias como a instalación de rede de drenaxe, a colocación de novas luminarias ou a canalización para a instalación doutros servizos.

Sendas comarca de Vigo

O Executivo autonómico está a facer varias actuacións nesta zona de reforzo da seguridade viaria e de promoción dunha mobilidade máis sustentable, xa que se está a desenvolver o Plan de sendas de Galicia que, para a comarca de Vigo, prevé a execución de 11 novos itinerarios peonís e ciclistas ao longo de máis de 12 quilómetros que supoñen un investimento próximo aos 5 millóns de euros.

Tres destas vías beneficiarán directamente aos veciños de Nigrán, como son a senda peonil e ciclista na PO-340, entre Gondomar e A Ramallosa, licitada en agosto e á que se destinan máis de 2 millóns de euros. Nestes momentos, está en fase de presentación de ofertas, ata o vindeiro luns día 25 e a previsión é iniciar as obras a principios de ano.

O itinerario peonil e ciclista na PO-552, onde se executarán sendas en tres treitos, os dous primeiros no concello de Vigo, e o terceiro en Nigrán, na parroquia de Priegue. Neste caso, o investimento achégase aos 900.000 euros e as obras comezarán nas vindeiras semanas.

A conselleira de Infraestruturas concretou que o Goberno galego aposta claramente por sendas sostibles, sustentables e integradas na paisaxe nesta comarca de Vigo e por investimentos que fomentan unha mobilidade máis respectuosa co medio, que facilitan os desprazamentos cotiás dos veciños e que incrementan a súa seguridade viaria.

Anuncios