Anuncios
Ticker de novas

Multan ao Concello de Nigrán con 15.000 € polo vertedoiro de San Pedro

FOTO: PP NIGRÁN // Vertedoiro xunto á depuradora.

O Concello de Nigrán foi multado con 15.000 euros pola Consellería de Medio Ambiente por unha infracción grave relativa a residuos e solos contaminados, previsiblemente por non retirar os residuos existentes nunha parcela próxima á depuradora.

Para eliminar dito vertedoiro, que xa existe desde hai varios anos, no pleno de xullo de 2016 o goberno propuxo unha modificación orzamentaria para incorporar unha partida por valor de 54.450 euros para proceder no prazo máis breve posible á retirada, transporte e xestión de todos os residuos procedentes de obras de construción e outras orixes en dita parcela. Dita modificación foi aprobada polo pleno co voto a favor de Nigrán Decide e a abstención do resto dos grupos municipais, sen embargo o goberno foi incapaz de contratar a retirada de ditos residuos.

José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, visitou dito vertedoiro ante as denuncias formuladas ao grupo municipal pola veciñanza de que continúa empregándose por camións para botar residuos de forma ilegal, sinalando que “é unha vergoña que o goberno tarde máis dun ano en facer un contrato para eliminar dito vertedoiro e preservar o medio ambiente de Nigrán”.

“Nigrán Decide pedirá explicacións e esixirá responsabilidades ao goberno pola nefasta xestión que está facendo na materia de medio ambiente”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que “temos serios indicios que esta non vai a ser a única multa que a veciñanza de Nigrán vai pagar pola xestión medioambiental do actual goberno municipal”.

Anuncios