Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas repetiu segundo posto en Monforte con Willem Smit

Outra vez ao pau. O Club Ciclista Rías Baixas repetiu na primeira etapa en liña da Volta a Galicia a mesma posición que asinara na xornada inaugural, a segunda. Nesta ocasión a entidade presidida por José Luis Chamorro acariñou a vitoria con Willem Smit. O surafricano foi superado no sprint final polo portugués Cesar Martingil (Liberty) e na xeral ascende ao quinto posto, a 6″ do líder Martín Lestido (Froiz).

Nos 143,1 quilómetros con saída e chegada na localidade lucense de Monforte, o conxunto miñorano moveu a carreira nas dúas ascensións puntuables de segunda categoría. Antonio Soto abandonou o pelotón no alto de Orxaiza en compañía doutros tres corredores. O ciclista murciano pasou en terceira posición pola cima (km 69) antes de que Elias Tello (Kuota) marchásese por diante en solitario.

Soto fixo de ponte entre o fuxido e o grupo do líder ata a subida ao Alto do Incio. Neste porto arrancou Jesús Nanclares, que coroou en segunda posición por detrás de Tello. De aí ata o final restaban 48 km, terreo que o equipo do líder aproveitou para neutralizar todas as escapadas.

O pelotón principal, formado por 70 unidades, xogouse a vitoria parcial ao sprint. Willem Smit meteuse na pugna pola etapa e obtivo a segunda posición. Manuel Jiménez, Javier Ruiz de Larrinaga e Jesús Nanclares tamén entraron co mesmo tempo que o vencedor.

Na xeral, o Club Ciclista Rías Baixas mantén a tres representantes a 6″ do líder Lestido. Smit ocupa a quinta praza, Jiménez a sexta e Nanclares a sétima. Por equipos, a formación do Val Miñor continúa segunda.

Este sábado disputarase a terceira e penúltima xornada, a considerada etapa reina desta rolda. Con inicio e final no municipio pontevedrés de Lalín, os ciclistas deberán ascender sete subidas puntuables, catro de 3ª e tres de 2ª, no 137 km de percorrido. A cima do último porto, A Rocha (3ª), sitúase a 10 km para o final. A carreira arrincará ás 13:30 horas e o desenlace está previsto ao redor das 17:00.

Anuncios