Anuncios
Ticker de novas

A Praza do Concello de Nigrán acolle a mostra “20 anos a Fondo coa solidariedade”

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // A mostra "20 anos a Fondo coa solidariedade".

A Praza do Concello de Nigrán acolle dende hoxe venres e ata o 30 de setembro a mostra “20 anos a Fondo coa solidariedade”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que o alcalde de Nigrán, Juan A.González, preside. O obxectivo da exposición, deseñada polo ilustrador Pepe Carreiro, é dar a coñecer a contribución de deputacións e concellos á erradicación das desigualdades Norte-Sur, ao tempo que se fomenta unha opinión pública favorable á cooperación para o desenvolvemento. Para isto, os paneis que compoñen a mostra dan un repaso pola orixe do Fondo Galego e os proxectos apoiados ao longo destas dúas décadas en países empobrecidos, así como as actividades de sensibilización acometidas en Galicia, entre outros contidos.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións provinciais de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

20 ANOS A FONDO COA SOLIDARIEDADE

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // A mostra “20 anos a Fondo coa solidariedade”.

Anuncios