O Instituto de Estudos Miñoráns organzia este sábado día 16 de setembro unha xeira por Tomiño titulada “O Camiño do Norte a Santiago. Goián. A Vila da Barca”, dentro do programa de xeiras de verán, coa colaboración do Concello. O punto de encontro da xeira, que estará guiada polo especialista Antonio Soliño Troncoso, será a Igrexa de Goián ás 18:00 horas.
O Camiño do Norte a Santiago sepárase do central en Barcelos -Portugal- e logo de pasar polos concellos de Viana do Castelo e Vila Nova de Cerveira mediante tramos que enxergan un moi importante patrimonio histórico, etnográfico e artístico entra en Galicia por Goián, antes a través dunha barca, hoxe servíndose da ponte de formigón sobre o Miño. A primeira opción citada desembarcaba ao pé da Fortaleza de San Lourenzo e tras bordear o cruceiro da Barca e o Pazo-Torre dos Correa pasa a Estás (Virxe Peregrina do s. XVIII) e logo ao Mosteiro (consérvase a igrexa románica do s. XII mais o Pazo dos Troncoso de Lira) e ao ÂÂ Seixo, en Tomiño, para continuar por Pousadela e Hospital, onde o topónimo fai referencia ao que existiu para peregrinos dende 1295 (documentado por Hipólito de Sa). Cruzada a ponte do século XIV, segue a Vilameán tras pasar polo Freixoal, onde se conserva un interesante cruceiro do XVII. A continuación tira cara a Tebra (igrexa románica do XII, onde está soterrado Álvaro Suárez de Deza, fundador da Torre renacentista conservada no Outeiro) e a seguir sobe por Cima de Vila para entrar no municipio de Gondomar pola Portela de Couso. Tras cruzar Gondomar e Vigo volve enlazar co central en Redondela.
Esta xeira pretende mostrar o inicio do citado camiño en territorio galego e para iso percorrer e visitar parte da actual parroquia de Goián, que no final da Idade Media estaba dividida en dúas: Santiago de Tollo e San Cristovo de Goián. A primeira de reguengo, a segunda de señorío (dende o século XIV estivo vinculada á familia Correa). A partir do XVI Tollo xa aparece como anexo de Goián e no XIX fusiónanse. Coa chegada do Estado Liberal, Goián consegue constituírse en concello en 1813 e repite no Trienio Liberal. A partir de 1836 pasa a integrar o de Tomiño.
Ao longo da última xeira deste ano verase a configuración urbana dunha vila na que é parte fundamental o concepto de horta murada, falarase de indianos e da pintoresca arquitectura construída polos “brasileiros”, analizarase a arquitectura relixiosa actual e citarase a desaparecida, percorrerase un moi particular cemiterio hixienista, e os participantes toparanse coas variantes etnográficas do Baixo Miño, confrontaranse as características da arquitectura militar das fortalezas do XVII coa gótica do castelo de Vila Nova de Cerveira, evocarase a Vila da Barca e circularase á beira do Miño polo Camiño da Nosa Señora do Norte para achegarse ata o Pazo-Torre dos Correa. Ademais, contemplarán unha paisaxe única sucada pola maior vea de auga de Galicia. Todo durante as tres horas que levará percorrer os cinco quilómetros dun treito circular de mínima dificultade.

