Galicia contará cunha Lei de espectáculos públicos para regular grandes eventos e verbenas populares

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Verbena en Praia América.

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Proxecto de lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, sendo a primeira norma autonómica con rango legal que establece unha regulación xenérica, actualizada e global. Ten como principal obxectivo acadar un marco normativo actualizado que garanta a protección e a conciliación dos distintos dereitos e intereses que abranguen tanto os espectáculos públicos como as actividades recreativas.

A nova normativa plasma os requisitos imprescindibles requiridos tanto en grandes eventos, como en verbenas e festas populares, co fin de garantir a máxima seguridade, tanto das persoas como dos bens. Recolle diversas achegas tanto da Fegamp como de todos os departamentos involucrados do goberno galego, así como de cidadáns e colectivos directamente implicados para acadar así un texto normativo co maior consenso posible de todos os involucrados.

Esta Lei establece o réxime xurídico dos espectáculos e das actividades recreativas que se celebren en establecementos abertos ao público ou espazos abertos, sempre que se desenvolvan integramente no territorio da nosa comunidade, co fin de garantir a seguridade. Fai especial fincapé na protección dos menores, a defensa dos consumidores, o respecto polo medio ambiente e os animais, a loita contra actitudes discriminatorias e a conservación do patrimonio histórico-artístico e cultural.

A lei outorga unha relevancia especial á protección integral da infancia e da adolescencia, recollendo unha remisión ás obrigas introducidas pola normativa vixente en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en persoas menores de idade, e establece tamén a prohibición de revenda de entradas en papel ou en calquera medio ou soporte electrónico, estipulando esta infracción como grave con multas que poden acadar os 30.000 euros.

Créase a Comisión de Espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que fará labores de coordinación e asesoramento da Xunta aos concellos que o precisen. Na Comisión estarán representantes tanto da Xunta, como da Fegamp e o sector. Crease tamén o Rexistro autonómico de empresas e establecementos, polo cal se constitúe un rexistro público de empresas e establecementos dedicados á realización de espectáculos públicos e actividade recreativas, no que deben figurar tanto as autorizacións autonómicas como as licenzas pertinentes.

Regulación de horarios e control de accesos

Como novidade, esta normativa inclúe a posibilidade de que os concellos poidan realizar ampliacións ou reducións sobre o horario xeral. Nesta liña, os concellos pasan a asumir as funcións propias que xa desempeñaban en materia de espectáculos públicos polo que deben autorizar as actividades extraordinarias e as ampliacións de horarios, funcións que ata o momento exercía a Xunta de Galicia.

A maiores, establece tamén un plan de inspección dos espectáculos públicos e actividades recreativas que deberán aprobar os concellos no prazo dun ano dende a entrada da Lei, recollendo a obrigatoriedade de contar con plans de emerxencia e de autoproteción, de conformidade coa normativa autonómica vixente.

Regúlase o dereito de admisión. A Lei dispón especiais precaucións en aras de evitar calquera tipo de discriminación que poida limitar a efectividade do dereito de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas.

Tamén se regula tanto o servizo de control de acceso, que debe contar con persoal habilitado segundo a normativa vixente, como os servizos de vixilancia e seguridade propios, que deben dispor de persoal encargado desa función nos termos previstos na lexislación.

Sancións

Recolle tamén a tipoloxía das infraccións e establécese a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores, o que corresponderá aos concellos e aos órganos competentes da Xunta, establecendo tamén as sancións aplicables a cada tipo de incumprimento da infracción como moi graves, graves e leves.

Como sanción moi grave establecese, entre outras, superar a capacidade máxima de aforo cando comporte risco grave para a seguridade das persoas ou non permitir o acceso ao establecemento aberto ao público aos/ás axentes da autoridade ou ao persoal inspector, con sancións que poden acadar os 600.000 euros e a clausura do local ou establecemento, así como a prohibición e inhabilitación para a organización de espectáculos públicos.

Como infracción graves están tipificados, incumprir horarios ou a suspensión ou alteración dos espectáculos públicos ou actividades recreativas sen causa xustificada, a negativa a actuar por parte do/da artista, intérprete ou executante sen causa xustificada ou incumprir o disposto sobre a venda de entradas ou practicar a súa revenda, entre outras, con multas que poden acadar os 30.000 euros.

Anuncios