UCN propón converter o antigo ambulatorio de Panxón nun Centro de Día para maiores

FOTO: UCN // Antigo Centro de Saúde de Panxón.

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, propón destinar o local do antigo ambulatorio de Panxón, para que unha vez rehabilitado poida destinarse a un Centro de Día para maiores, “dado que unicamente disponse dun Centro Mancomunado para o Val Miñor, de 40 prazas e situado en Baiona, resultando totalmente insuficiente para as necesidades dos veciños de Nigrán”, asegura.

UCN lembra que o local situado nas Dunas de Gaifar está aínda pendente da cesión por parte do Instituto Social da Mariña, compromiso adquirido como consecuencia da cesión dunha parcela lindeira de case 5.000m2 ao Sergas, onde se construíu o novo Centro de Saúde, en pleno funcionamento desde fai máis dun ano, condición imposta ao Sergas mediante acordo plenario formalizado no ano 2008, estando precisamente o PSOE no goberno local.

Fernández Comesaña insta o alcalde Juan González a que o máis axiña posible consiga xestionar de maneira eficaz a cesión do inmoble e incorporalo ao patrimonio municipal, “liquidando así as dificultades existentes, dado que o inmoble leva máis dun ano pechado, circunstancia que está a orixinar unha seria deterioración das súas instalacións, e que ademais, urxe dar resposta ás necesidades e carencias en dotacións sociais que veñen demandando os nosos maiores”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios