Chega o último obxectivo da tempada para o Club Ciclista Rías Baixas. Desde este xoves a entidade presidida por José Luis Chamorro disputará a XVI Volta a Galicia para corredores elite e sub23, a carreira que a pasada campaña adxudicouse por medio de Samuel Blanco. Para defender a súa coroa o conxunto miñorano presentará un bloque liderado por Willem Smit e apontoado con tres reforzos.
A directiva da entidade con sede en Nigrán pechou para esta cita as incorporacións dun trío de destacados ciclistas do pelotón amateur español. O murciano Antonio Soto pisou esta campaña en dúas ocasións o podio da Copa de España, ao lograr a segunda praza na Aiztondo Klasikoa e a terceira no Circuíto Guadiana. O corredor do Lizarte é o actual subcampión elite da súa comunidade autónoma e no Campionato de España de contrarreloxo individual asinou a cuarta praza.
As outras dúas caras novas para a rolda galega son vellos coñecidos deste proxecto. O pentacampeón de España de ciclocrós, o arabés Javier Ruiz de Larrinaga, defendeu as cores do Club Ciclista Rías Baixas na Volta a Galicia 2013 e aceptou repetir experiencia contando co beneplácito do Lizarte. Pola súa banda, Manuel Jiménez xa disputou este ano a préstamo coa escuadra do Val Miñor a Volta a León. O pacense, procedente do Controlpack, achegou a súa calidade e traballo en favor de Smit, gañador da clasificación xeral final.
O surafricano será unha das grandes desta rolda tras regresar do seu país a pasada semana. Gañador de cinco probas durante a súa anterior estancia de menos de dous meses en España, Smit volverá estar escoltado por Jesús Nanclares, vencedor dunha etapa na recente Volta a Tenerife e quinto clasificado este curso na Volta a Coruña. A aliñación complétana dous sub23 da casa, o coruñés Jon Ander Tomei e o madrileño Jaime Guzmán.
A Volta a Galicia arranca este xoves pola tarde cunha contrarreloxo por equipos de 10,2 quilómetros. A localidade lucense repetirá como escenario de saída e chegada ao día seguinte. O 143,2 km do venres serán o primeiro contacto coa media montaña. O perfil da etapa do sábado Lalín – Lalín (137 km), con sete portos, resulta aínda máis esixente e a carreira resolverase o domingo no 130 km que terán inicio e final en Santiago de Compostela.

