Sin categoría

As entidades sociais de Gondomar piden ao alcalde a convocatoria das subvencións municipais do 2017

A Coordinadora de Entidades Veciñais de Gondomar vén de presentar, a través do rexistro do Concello, unha solicitude dirixida ao Alcalde, Francisco Ferreira, como representante do conxunto do goberno, na que instan a este a convocar, á maior brevidade posible, as subvencións municipais de cultura, deportes e fins sociais para o ano 2017.

“Máis unha vez -o ano pasado saíron no mes de novembro-, estamos na recta final do ano e descoñecemos se imos ter subvención de algún tipo e en que contía”, expoñen desde a Coordinadora.

“O lóxico sería que cada entidade soubera, xa desde primeiros de ano, se vai contar ou non con algún tipo de axuda para levar adiante os seus fins. Non sabelo implica que as distintas asociacións deixen de realizar actividades por falta de orzamento co conseguinte problema á hora de acceder ás subvencións e de xustificalas, xa que se ten que facer con facturas de gastos realizados con anterioridade á convocatoria da subvención”.

“As actividades organizadas polas entidades sociais constitúen unha parte fundamental e imprescindible dentro da programación que se oferta anualmente no conxunto do concello, e achegan as actividades culturais, deportivas e sociais a todas as parroquias do concello, polo que consideramos que deberían contar con máis atención e apoio desde o goberno municipal.”

A Concellería de Cultura non ofertou este ano actividades nas parroquias

A esta situación hai que sumarlle que este ano a Concellería de Cultura non ofertara actividades propias para realizar nas distintas parroquias, algo que se viña facendo nos últimos anos, volvendo a centralizalas na vila, feito que non favorece o acceso de toda a veciñanza ás actividades culturais.

Solicitude de reunión co Goberno

A Coordinadora solicita, tamén por rexistro, a convocatoria dunha reunión para tratar todo o referente ás distintas liñas de achegas municipais a entidades sociais, e outros temas relacionados coa coordinación na programación das actividades municipais e parroquiais para evitar solapamentos e favorecer a diversificación da oferta.