“En Ruta coa Depo” amplía con 5.000 novas prazas a súa oferta para este ano

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación en Xunta de Goberno da ampliación do programa “En Ruta coa Depo”, con case 5.000 novas prazas para este ano 2017, atendendo deste xeito á enorme demanda que esta iniciativa ten, o que provocou que “moita xente quedase na lista de espera”, segundo explicou a Presidenta

En concreto son 4.911 novas prazas que se suman ás 19.652 que xa se ofrecerán no mes de xullo e que se cubriron aos poucos días de abrir o prazo de presentación de xeito que, en total, unhas de 24.000 persoas poderán participar nesta iniciativa de Deputación de Pontevedra a través de 350 entidades. Carmela Silva lembrou que isto supón ademais un incremento de máis de 6.000 prazas fronte ás xa ofertadas en 2016.

Por outra banda, Carmela Silva sinalou que máis alá de “fomentar a socialización” este programa “axuda a dar a coñecer a propia provincia, xa que hai moitísimos lugares extraordinarios a todos os niveis: histórico, cultural, paisaxístico, gastronómico, arqueolóxico, ornitolóxico, de montaña e de costa, que son descoñecidos polas propias e propios pontevedreses”. Igualmente actividades como esta contribúen segundo explicou a Presidenta a incrementar “o sentimento de pertenza e conciencia de provincia, que ata hai pouco non existía” e a “xerar economía tanto no comercio como na hostalería local” axudando a manter o emprego en épocas do ano fóra da temporada alta.

“En Ruta coa Depo” ten por finalidade crear espazos de unión e convivencia fomentando a socialización entre as diferentes entidades participantes impulsando a igualdade de oportunidades para as persoas con diversidade funcional, ofrecéndolle alternativas de lecer e tempo libre á poboación xuvenil. O programa ofrece 32 alternativas divididas en rutas temáticas, culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais polas que as máis de 24.000 persoas beneficiadas poderán gozar dun día coñecendo diferentes lugares da provincia de Pontevedra, acompañados dunha persoa como guía e incluíndo no prezo o xantar e o transporte.