A baionesa Mireya Represa participa no Campionato Xuvenil Europeo de Xadrez

FOTO: FEDA // Mireya Represa xunto coa delegación española.

Do 5 ao 14 de setembro celébrase en Mamaia, Romanía, o Campionato de Europa Xuvenil de Xadrez 2017, que inclúe desde a categoría sub-8 á sub-18.

Entre os 38 participantes da delegación española, atópase a baionesa Mireya Represa Pérez, do Club de Xadrez Laroca de Nigrán, que participa na categoría sub-16 feminina coa intención de seguir incrementando a xa gran cantidade de títulos e trofeos cos que conta. Ademais de Mireya sete máis son os galegos e galegas que forman parte deste grupo. Benjamín Diéguez Novoa e a súa irmá Pura Diéguez Novoa e Paula Suárez Gómez en sub-10, Rubén Fernández López e Pablo López Varela en sub-12, Martín Gómez Carreño en sub-14 e Héctor Laiz Ibáñez en sub-16.

Mireya parte no posto 12 do ránking inicial, dun total de 75 participantes na súa categoría. A data de hoxe e tras 5 roldas das 9 totais, atópase no posto 16 da clasificación xeral despois de 3 vitorias, 1 táboa e 1 derrota.

Desde o Club de Xadrez Laroca deséxanlle moita sorte a todo o equipo español e sobre todo á súa campioa e ao resto de galegos e galegas que participan neste campionato.