Nigrán presenta o proxecto da nova Biblioteca á convocatoria de subvencións da Deputación

O Concello de Nigrán presentou á recente convocatoria de axudas da Deputación de Pontevedra o proxecto para a construción da nova Biblioteca Municipal, orzamentada en 1.528.533 €. Esta liña de subvencións está destinada á mellora dos equipamentos, servizos ou dotacións singulares dos municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes e, de concederse, suporía que o organismo provincial asumise o 80% do seu custo e o Concello o 20%.

«O proxecto está pechado e agora temos unha oportunidade única de atopar financiamento para levalo adiante, con este fin o presentamos xa á Deputación de Pontevedra», resume o alcalde, Juan A. González, quen incide en que «precisamente se acelerou a contratación do proxecto e a súa entrega ao máximo co fin de poder optar a esta axuda».

Así, tal e como xa se anunciara, o novo edificio se expón nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (á beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado e que foi consensuado previamente cos grupos políticos e técnicos municipais. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que comunica co gran patio existente e que, ao mesmo tempo, supón unha zona previa á entrada da biblioteca por planta baixa.

O proxecto do estudio Gándara#Pons contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Cean ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sustentabilidade ambiental.

Cun deseño de liñas modernas e sobrias adaptado á morfoloxía da parcela, a fachada se expón de granito e morteiro de cal e a xeometría da planta responde á propia forma do solar. O edificio consta de catro andares: na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos; e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.

«O espazo se multiplica con respecto a actual do Ceán dando cabida a usos que actualmente non existen e permitindo rexenerar a praza exterior, á que estará directamente ligada cun acceso cuberto para darlle continuidade», incide González.

Actualmente, a Biblioteca Municipal de Nigrán ten preto de 4.000 socios e recibe máis de 8.000 visitantes cada ano. Para facerse socio tan só é necesario encher unha ficha de inscrición na propia instalación ou ben vía telemática, é de balde e non é necesario estar empadroado en Nigrán para poder gozar dos seus servizos. Conta con 43.800 volumes consultables por Internet no catálogo informatizado en liña.

Anuncios