O CPI Cova Terreña de Baiona súmase ao programa “DepoEmprende na Escola”

Despois do éxito obtido o pasado curso ao abeiro do programa “DepoEmprende na Escola”, a Deputación de Pontevedra porá en marcha este curso, que está a piques de comezar, unha nova edición do programa que chegará a un total de 21 centros de ensino de 14 concellos da provincia. Ademais de chegar a 15 centros de educación primaria e especial, por primeira vez este ano o programa expándese tamén aos centros de formación secundaria a través dunha experiencia piloto na que participarán outros 6 institutos da provincia de Pontevedra. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra multiplica en máis dun 100% os centros participantes respecto ao ano pasado, cando se adheriron nove centros de educación primaria e educación especial.

A Presidenta, Carmela Silva, expresou a súa satisfacción “pola excelente acollida dun dos programas da Deputación que máis me ilusiona particularmente. Iniciativas como estas son as necesarias para fomentar o emprendimento, fomentar a actitude dos máis novos e novas, e ogallá que outras administracións se sumasen a este tipo de iniciativas”, engadiu.

Nesta ocasión, na modalidade de primaria, participarán os seguintes centros: en Pontevedra, o Centro de Educación Especial Príncipe Felipe e o CEIP Santo André de Xeve. En Vigo, o CEIP García Barbón e o CEIP Josefa Alonso de Alonso. En Redondela, o CEIP Alexandre Bóveda e o CEIP Laredo (que xa participou o ano pasado). En Sanxenxo, os CEIP Plurilingüe da Florida e de Nantes. O CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia, o CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados, o CEP Plurilingüe Riomaior de Vilaboa e o CEIP Plurilingüe nº 1 de Tui tamén repetirán as súas experiencias este ano e a eles sumaranse por primeira vez o CPI de Cova Terreña, en Baiona, mailo CPI Mondariz e o Centro de Educación Especial de Vilagarcía

Ademais, por primeira vez este ano, a Deputación de Pontevedra desenvolverá unha experiencia piloto a través da cal tamén participarán seis centros de educación secundaria baixo o selo de “DepoEmprende na Escola – ESO”. Os centros beneficiarios serán os IES Luís Seoane, en Pontevedra, Ricardo Mella e A Guía, en Vigo, Pintor Colmeiro, en Silleda, o Ribeira do Louro, no Porriño e o IES Rodeira de Cangas. Neste caso, o alumnado creará e xestionará unha cooperativa de comercio exterior na que intercambiarán produtos con cooperativas de alumnado doutras rexións ou mesmo países. Para iso comunicaranse a través do correo electrónico e manterán videoconferencias e, unha vez obtidos eses produtos importados, tamén os venderán nun mercado local. O alumnado de “DepoEmprende na Escola” da ESO tamén disporá dunha serie de obradoiros complementarios nos que as rapazas e rapaces participantes recibirán formación sobre imaxe corporativa, elaboración dos catálogos de produtos e deseño dos puntos de venda.. Deste xeito, o programa “DepoEmprende na Escola”, contará este ano coa participación de case 600 alumnas e alumnos dos cursos quinto e sexto de primaria, Educación Especial e da ESO.

Ademais do seu obxectivo xeral de adquisición de competencias emprendedoras, o proxecto tamén comprende o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise da contorna física, a creación, a convivencia e a cidadanía ou a alfabetización dixital, entre outras. A comunidade escolar da provincia disporá de, entre outros recursos, un portal educativo en Internet onde se lles ofrecerá información útil e documentos de apoio cos que reforzar os contidos dos materiais didácticos empregados nas aulas, así como poderán facer as súas propias achegas para facilitar a coordinación do proxecto.

A súa metodoloxía encadra ao alumnado no papel de protagonista da súa propia aprendizaxe, xa que se basea nun traballo dende a práctica onde esa aprendizaxe é activa, cooperativa e significativa, onde a relación entre o centro educativo e os feitos acontecidos na súa contorna máis próxima estarán presentes a diario. A materia incluída neste programa se desenvolverá dun xeito transversal, de modo que o alumnado adquirirá coñecementos nas distintas áreas de coñecemento como matemáticas, ciencias, linguaxe, cultura e tamén competencia dixital, social e cívica ou “aprender a aprender”.

Anuncios